
O Concello de Larouco sufriu recentemente o roubo de dous bancos que formaban parte dun proxecto ambiental financiado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Estes bancos, valorados en case 250 euros cada un, foron unha peza fundamental na iniciativa dirixida á naturalización dos espazos urbanos e á loita contra o cambio climático.
Este proxecto, que incluía a creación dun estanque de ras, a plantación de cerdeiras e a instalación dunha pérgola, foi financiado ao 100% cunha subvención que non supuxo ningún gasto inicial para o Concello. Debido ao roubo dos bancos, o Concello vese agora obrigado a gastar cartos para substituílos e así poder cobrar a totalidade da subvención.
Esta situación xerou un profundo malestar na comunidade, xa que non só supón unha perda económica, senón tamén un ataque ao esforzo colectivo para mellorar «o noso medio ambiente», sinalan.
«Condenamos rotundamente este acto vandálico e chamamos á participación veciñal: se alguén ten información sobre o paradoiro dos bancos ou ve feitos sospeitosos, pedimos que o denuncie de inmediato no Concello», piden. A colaboración cidadá é «fundamental» para manter e protexer os espazos públicos e garantir o éxito de proxectos «tan importantes como este».