sábado. 31.05.2025

Homenaxe á tradición musical no Concerto de Nadal de Larouco

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense honra a cantora Blandina González nun recital que celebrou a cultura e o patrimonio local

A igrexa de Nosa Señora dos Remedios de Larouco acolleu o tradicional Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Este evento destacou non só pola súa excelencia musical, senón tamén pola homenaxe rendida a Blandina González Rodríguez, cantora de Cotarós (Trives), recoñecida pola súa contribución á preservación dos cánticos tradicionais.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5819

No acto de Nadal estiveron ademais da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; anfitriona do evento, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; a deputada especial da Deputación de Ourense, María del Carmen González; o alcalde de O Bolo, Alberto Vázquez, a alcaldesa de Vilariño, Melisa Macías; o alcalde da Veiga, Juan Anta; o alcalde de San Xoán de Río e o párroco e director do colexio Pablo VI, Jose Ferrnández de Abajo.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5825
Jose Fernández, Xose Lois Foxo, Maria Carmen González y Patricia Lamela

«Este recital leva consigo a filosofía de honrar as persoas que nos transmitiron o coñecemento do pasado. Nesta edición dedicámosllo a Blandina González Rodríguez», explicou Xosé Lois Foxo, director da formación musical provincial, antes de dar comezo ao espectáculo. Blandina así como o resto de cantareiras enviaron un agarimoso saúdo a Jacinta de Lentellais quen non puido participar nesta edición por estar convalecente dunha operación.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5839
Blandina entre Lamela e Foxo despois de impoñerlle a medalla

A de Trives recolleu a medalla de honra da Deputación da man da alcaldesa de Larouco anfitrioa do evento, pero antes tocou facer o que mellor sabe, cantar. Blandina puxo na súa voz unha nana navideña e tamén contou coma anécdota como a coñeceu Foxo, foi collendo patacas.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5847
Lucia e Xabier durante unha das actuacións

Foxo destacou o papel fundamental de González e doutras figuras da tradición oral da zona, Isabel de Arcos, Digna de Trives, Fiuca de Trives e Rogelio de Aceveda. «A parte do espectáculo en si que é moi bonito, é tamén unha forma de recoñecer o seu legado», subliñou o director.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5833
Fiuca durante unha interpretación

O evento contou coa participación de artistas recoñecidos como Lucía Pérez e o seu irmán Xavier Vizcaíno, que reforzaron o carácter emotivo e cultural da xornada. «Para min, o máis importante é a recuperación dos cánticos antigos; por iso sempre quero honrar estas figuras dedicándolles actividades como esta», afirmou o director da Real.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5828
Actuación de Isabel de Arcos

A alcaldesa de Larouco expresou a súa satisfacción por que o municipio fose elixido, por segunda vez, para celebrar este concerto. «É unha oportunidade para visibilizar o patrimonio arquitectónico de Larouco e para amosar a nosa sensibilidade pola cultura e as tradicións», destacou.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5852
A alcaldesa de Larouco

O espectáculo, conducido por Montse Estévez, combinou música, tradición e talento. Ademais das cantareiras da contorna, Tatiana Kostomarova sorprendeu co son maxistral do seu violín.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5837
Alberto Vázquez, Rogelio da Aceveda e Xosé lois Foxo

O broche final do evento estivo marcado pola égloga operística “Pastora da Serra Sola”. Neste número, Lucía Pérez e Xavier Vizcaíno, xunto coa Coral de Viana, emocionaron ao público con pezas como "Aló vén o gaiteiro". O diálogo operístico entre os irmáns rematou coa entrada en escena de toda a formación da Real Banda, que interpretou outras partes destacadas da égloga, como “Un tempo de vals” ou “O Gaiteriño da Edrada”, unha peza que narra a historia dun gaiteiro cego que recuperou a vista tras visitar Belén.

somoscomarca_2024_12_21_albaredos_bodegasfructuoso_hops5865
A coral de Viana, Candea, en plena actuación

Este Concerto de Nadal foi un tributo á memoria e á identidade cultural de Ourense, enchendo de música e emoción unha tarde inesquecible para Larouco e para todos os asistentes.

Homenaxe á tradición musical no Concerto de Nadal de Larouco