Unha cova para contar o viño: Seadur impulsa o seu patrimonio como novo referente enoturístico
A Cova de Seadur, no concello de Larouco, abre unha nova etapa tras a súa rehabilitación integral, unha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) Valdeorras, ruta do viño milenaria, xestionado polo GDR Valdeorras e cofinanciado con fondos europeos Next Generation. O investimento roldou os 145.000 euros e permitirá converter este espazo tradicional nun referente para o enoturismo da comarca.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este martes a actuación e puxo en valor o avance do plan: «Vimos de visitar a adega da Asociación de Coveiros de Seadur, un dos proxectos incluídos no Plan de Sostibilidade Turística de Valdehorras, a ruta milenaria do viño, que xunto con outros doce proxectos xa está executado ao 96%». O responsable autonómico felicitou ao GDR Valdeorras e á súa presidenta, María del Carmen González, pola xestión dun programa que mobiliza 1,5 millóns de euros en nove concellos da comarca.
Merelles destacou que a recuperación da cova «vai poñer en valor o enoturismo en Valdeorras» e converterase na sede da Asociación de Coveiros, ademais de actuar como «elemento fundamental para promover a cultura do viño». Enmarcou a actuación dentro da estratexia da Xunta «para dinamizar o rural da man da recuperación do patrimonio e a súa posta en valor turística».
Segundo detallou, nos dous últimos anos Turismo de Galicia leva investidos arredor de tres millóns de euros na comarca, aos que se engaden liñas específicas como axudas por 5,5 millóns de euros para vincular produción vinícola, gastronomía e restauración, ou programas de mobilidade sostible. «Traballamos para que Valdehorras se converta nun destino turístico de primeiro nivel», afirmou.
Patrimonio que permanece na veciñanza
A presidenta da Asociación de Coveiros de Seadur, Elena Álvarez, amosou gratitude durante o acto. «Yo lo que quiero en primer lugar es dar las gracias a que organismos como la Dirección de Turismo patrocine y gestione este tipo de iniciativas que nos ayudan a recuperar nuestro patrimonio y a no perder nuestra herencia», sinalou.
Álvarez recoñeceu que a recuperación foi un proceso longo: «Estoy feliz, esto es una iniciativa de muchos años, mucha gente participando que creíamos que no iba a poder ser posible y hoy es una realidad». Subliñou tamén o valor cultural do proxecto: «Esto demuestra que se puede hacer un culto al vino sin que sea un botellón, cuidando nuestro patrimonio, nuestra herencia». E resumiu o sentir colectivo cunha frase que define a identidade local: «Somos lo que somos gracias a la cultura del vino que se ha vivido en estas bodegas».
A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, incidiu na importancia de que o patrimonio continúe en mans da veciñanza. «O que máis me chega é que o patrimonio non se escapa dos veciños de Seadur», afirmou, lembrando que a propiedade da cova segue a ser da Asociación de Coveiros, mentres que a xestión será asumida polo Concello durante 25 anos para facilitar a tramitación da subvención e a súa dinamización futura.
«Isto era unha cova moi xugosa que se estaba intentando comprar por outros medios, e desta maneira non marcha para fóra», explicou. A rexedora avanzou que o espazo será inicialmente sede da asociación e punto neurálxico da próxima Ruta das Covas en Semana Santa, coa participación de Galicia Calidade e viños da D.O. Valdeorras, e que o obxectivo é convertelo progresivamente nun centro de interpretación do viño na comarca.
Lamela lembrou tamén que na rúa das covas hai actualmente 72 inmobles declarados BIC e que, tras os últimos lumes, apareceron novas estruturas que poderían ampliar o catálogo. «Como comarca deberíamos traballar a prol de que o noso patrimonio, que somos únicos en ter este patrimonio, poñelo en valor e telo cunha rehabilitación como esta, marabillosa, bonita e coidada», concluíu.
Un impulso para a Ruta do Viño
A rehabilitación completouse en aproximadamente catro meses e inclúe acondicionamento xeral, consolidación estrutural e novos servizos. A actuación intégrase nun conxunto de máis dunha ducia de proxectos do PSTD que buscan consolidar a marca Valdeorras, ruta do viño milenaria como produto turístico singular.
Coa Cova de Seadur xa lista para abrir as súas portas, Valdeorras suma un novo espazo onde tradición, identidade e desenvolvemento camiñan da man. Un exemplo de como a recuperación do patrimonio pode converterse en motor económico sen perder a esencia: que o viño siga sendo cultura, memoria e futuro para toda a comarca.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado