
A XXXV Edición da Feira do Viño de Quiroga xa está en marcha. Hoxe comezan os festexos desta feira vitivinícola, que é unha das máis importantes da provincia. Durante toda a fin de semana, os asistentes poderán gozar, non só dos viños do Val de Quiroga -englobados na Denominación de Orixe "Ribeira Sacra"-, senón tamén da música, da beleza do lugar e da gastronomía local.
O Museo Etnográfico da localidade, ubicado no edificio do Auditorio Municipal, así como o Recinto Feiral, acollerán unha nova edición deste evento que este ano se celebra entre o 14 e o 16 de abril.
Hoxe, a partires das 17.00 horas, terá lugar a XIII Carreira Popular Feira do Viño -para a que xa hai 400 corredores inscritos-, organizada pola Concellaría de Deportes do Concello de Quiroga.
O Sábado Santo, día 15, será o día grande, especialmente para a xuventude. "Esperamos a 4.000, 5.000 personas, el 80% gente joven. Esto ya no es sólo una feria, se ha convertido en la Fiesta del Vino", aseguraba o alcalde da localidade, Julio Álvarez.
Ás 11:45 inaugurarase o recinto feiral a cargo de Don Xosé Luis Foxo Rivas, director e fundador da Escola de Gaitas e da Real Banda de Gaitas da Excma.
Ás 12:00 horas dará comezo o Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, para desfilar a continuación pola ría Real e rematar cunha actuación na Praza de España.
Pola tarde, máis gaitas. Ás 17:00 horas, a Banda de Gaitas de San Martiño e o grupo de música tradicional Os Palletas actuarán no recinto feiral, e ás 18:15 terá lugar a recepción de autoridades no Museo Etnográfico, acto que dará paso á actuación da Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de Gaitas de San Martiño e os Grupos de danzas de San Martiño e Arume da Queiruga, no Auditorio Municipal.
Ao remate das actuacións, realizarase a entrega de premios do XIII Certame de Cartas de Amor Vila de Quiroga, convocado pola Concellaría de Xuventude do Concello.
Arredor das 20:30 horas, a actriz Eva Isanta será a encargada de dar lectura ao pregón. "Desde hace años queremos que este sea un momento divertido, por eso traemos a personajes del mundo de la televisión o el cine, en lugar de un intelectual que nos hable de vino. De vino ya sabemos todos mucho, queremos algo teatral", recoñece o alcalde. A actriz interpretará o papel de Maite Figueroa, personaxe a que da vida na serie "La que se avecina", para entreter ao público e animar a velada. As 21:15 terá lugar a entrega de premios do VII Concurso de Camisetas Feira do Viño. Será a propia Isanta a que se encarge de elixir a camiseta gañadora.
A continuación dará comezo a festa popular, amenizada polo grupo Atenas.
O domingo comezará da man do grupo de gaitas Os do Recanto, que animara o recinto feiral. Ás 12:30 recepción de autoridades no Concello e, a continuación, entrega de trofeos aos colleiteiros de Quiroga.
Pola tarde, a actuación da charanga Europa no recinto feiral dará por rematada esta festa de culto ao viño, na que non só se goza dos godellos e mencías de Quiroga, senón tamén das gaitas, a música, a gastronomía e o ambiente de festa multitudinario. A vila convértese na feira vitivinícola de referencia de toda a Ribeira Sacra.