
A problemática da mentira será o eixe estrutural da terceira conferencia dos XVI Encontros Familia-Escola que organiza a asociación Vagalume, en colaboración co Concello de O Barco.
Dita conferencia terá lugar esta tarde ás 19:30 horas no Teatro Lauro Olmo da man da psicóloga María Jesús Álava Reyes, que tomará o relevo de Javier Urra e ofrecerá a exposición que titulou: "Las mentiras, ¿Por qué? y ¿para qué?”. A mesma temática que protagoniza o seu último libro: "La verdad de la mentira".
Esta é outra materia albergada dentro da presente edición destes encontros que finalizarán no vindeiro mes de maio despois de un total de seis conferencias que nesta ocasión se engloban baixo o título: "Neurociencia del comportamiento".
"Hablaremos sobre las mentiras propias y las que nos rodean. Cómo descubrirlas y cómo actuar ante ellas, para que también nos demos cuenta de la trascendencia que tienen para nuestra vida", asegurou Álava Reyes á vez que recordaba que intenta provocar en todas as súas conferencias a participación activa, "id preparados para participar", anunciaba.
María Jesús Álava Reyes foi elixida como unha das "Top 100 Mulleres Líderes en España" no ano 2012, ocupando a primeira posición na categoría de "Pensadoras e expertas". Leva máis de trinta anos dedicándose á Psicoloxía Clínica, Educativa e de Empresa. Ademais, é especialista en coaching executivo, recursos humanos, psicodiagnóstico e psicoterapia, así como profesora en distintas universidades. Actualmente dirixe o Centro de Psicoloxía Álava Reyes e a empresa Apertia Consulting. Colabora en diversos medios de comunicación e é autora de varios libros como "El no también ayuda a crecer", "La inutilidad del sufrimiento" ou "Las tres claves de la felicidad".
A desta tarde será unha conferencia participativa que tratará un tema do que non estamos acostumados a falar e que non deixará a ninguén indiferente.