
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha da cuarta edición do Bono Comercio, que contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para gastar en establecementos comerciais galegos de proximidade e que ten como obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación na economía das familias.
O mandatario galego adiantou no Pleno do Parlamento de Galicia esta reedición do Bono Comercio —que se aprobará mañá no Consello da Xunta— e que, segundo precisou, permitirá, como nas anteriores ocasións, descargar un bono desconto de 30 euros para as compras que se realicen nos comercios adheridos. Poderá descargarse a partir do vindeiro 9 de outubro. Nas edicións previas, logrou que se mobilizasen 54 millóns de euros.
“Os problemas das familias preocúpannos e ocúpannos”, aseverou Rueda, quen incluíu o Bono Comercio dentro das medidas concretas que está a levar a cabo desde hai tempo o Goberno galego ante os problemas importantes que teñen as familias pola suba dos prezos, e que atribuíu especialmente aos efectos da guerra de Ucraína.