martes. 23.04.2024
portada_somoscomarca_rotonda_xagoaza_aproba_jabalies_2021-10-04
A Xunta destinará 1,73 millóns de euros as axudas para previr e paliar os danos do xabaril

A Xunta de Galicia destinará en 2023 un orzamento total de 1,73 millóns de euros ás axudas para adoptar medidas de prevención fronte aos ataques do xabaril —0,28 M€— e a pagar as indemnizacións para paliar os danos causados por esta especie en cultivos e explotacións agrogandeiras —1,45 M€—. 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá unha explotación de bovino deste municipio que resultou beneficiaria de ambas ordes de axudas o ano pasado: 2.500 euros para compensar os danos sufridos no millo e outros 600 euros destinados a comprar dous pastores fotovoltaicos.

Tras subliñar que este concello pontevedrés é un dos máis afectados da comarca do Deza polos ataques do xabaril, a directora xeral anunciou que o Goberno galego manterá en 2023 o esforzo económico que vén facendo xa nos últimos anos para apoiar ao sector agrogandeiro e á poboación do rural na súa convivencia coa fauna silvestre.

Así, anunciou que mañá sairán publicadas no DOG dúas ordes de axudas para, por un lado, implantar medidas preventivas fronte ao lobo, o oso e o xabaril en explotacións gandeiras, agrícolas e de autoconsumo, cunha dotación de 1,06 millóns de euros; e por outro, para contribuír aos custos derivados da instalación de valados fixos para protexer ao gando dos ataques do lobo, unha liña á que se destinarán 400.000 euros.

A partir deste venres e durante o prazo dun mes, Belén do Campo explicou que todas as persoas interesadas poderán acollerse a estas novas convocatorias de axudas, grazas ás cales a Xunta mobilizará en 2023 algo máis de 1,4 millóns de euros só para apoiar ao sector na implantación de medidas efectivas que protexan as súas propiedades do impacto causado pola fauna silvestre coa que comparten o territorio.

En concreto, entre as medidas de prevención subvencionables referiuse á adquisición e manutención de cans para protexer e defender o gando (ata 300 euros por exemplar e 200 euros para gastos de alimentación, cun límite de 3 cans por explotación); á compra de pastores eléctricos (ata 600 euros para comprar como máximo 3 pastores); e á instalación de cerrumes con mallas electrificadas (8 mallas e 800 euros por explotación).

En todo caso e ademais das subvencións para prevención que se convocan mañá, a directora xeral explicou que xa no mes de decembro se publicou outra orde de axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo, cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que en 2022.

A Xunta destinará 1,73 millóns de euros as axudas para previr e paliar os danos do xabaril