jueves. 18.04.2024

O Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, impulsado pola Consellería do Medio Rural, dará cumprimento aos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia  2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, co fin de recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 ha novas para a produción de madeira e de froito desta especie. 

O programa establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros en Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención, centrados na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e no apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, na mellora da competitividade das empresas.

Con todas estas medidas, búscase involucrar a todos os axentes implicados no sector, como a Administración, os distintos axentes económicos e sociais comarcais, os grupos de desenvolvemento rural, os viveiros, os produtores forestais e os representantes do tecido empresarial transformador e comercializador, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.

Cómpre engadir que este programa obedece ás recomendacións do ditame da Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, constituída no Parlamento tras os lumes de 2017. Tamén que, proximamente, este proxecto se verá complementado coa normativa que regulará as agrupacións de xestión conxunta, figura contemplada na Lei de recuperación da terra agraria e no Plan Forestal para darlle un pulo ao castiñeiro, entre outras especies.

O período de execución deste programa prolongarase ata o ano 2040 e conta cun orzamento de 21,995 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- para a primeira etapa de accións deica o 2025, ata cando se prevén plantar 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e 2.000 ha para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 ha de soutos. Delas, entre este ano e o que vén acadaranse xa as 500, 600 e 500 hectáreas de actuación, en cada un dos casos respectivamente.

A través deste plan, a Xunta buscan consolidar Galicia como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, ao aglutinar máis da metade da produción e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e das industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal. Cómpre sinalar que a superficie actual de castiñeiro en Galicia supera as 49.000 hectáreas -localizadas principalmente nas comarcas do leste das provincias de Lugo e Ourense-, cunha produción media nos últimos anos próxima aos 20 millóns de quilogramos, cuxo valor económico rolda os 20 millóns de euros pagados aos produtores e os 50 millóns de euros en produtos transformados.

O produto conta cunha indicación xeográfica protexida, a IXP Castaña de Galicia, que desde 2009 conta con Regulamento e Consello Regulador. Actualmente abrangue case 1.300 hectáreas de superficie de cultivo amparada polo selo de calidade e un total de 156 produtores.

O castiñeiro está considerado unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia desde o punto de vista da alimentación, pero tamén polo seu valor para usos madeireiros e outras producións complementarias (cogomelos, gandaría, plantas aromáticas, etc.). Ademais, destaca o seu valor medioambiental e como recurso turístico e paisaxístico, o que o consolida como unha das especies arbóreas con maior tradición e apego sociocultural das economías rurais en Galicia.

A Xunta busca recuperar 8.000 hectáreas y plantar 16.000 máis de castiñeiro