
Valdecash é unha tarxeta regalo creada dende a Asociación Empresarial de Valdeorras co apoio do Inorde para incentivar o comercio de proximidade e o consumo responsable. Cunha imaxe unificada que evoca o concepto de moeda local, estas tarxetas de 20€, 30€ e 50€, poderán adquirirse directamente en AEVA ou nos negocios adscritos ó programa.
A diferencia radica en que as que leven o selo de AEVA no reverso poderán gastarse en calquera dos negocios adscritos e as mercadas nas tendas, serán válidas só nese establecemento, que as personalizará co seu cuño. Neste momento xa hai 25 comercios que solicitaron sumarse á iniciativa na Rúa, O Barco e a Proba.
Tender pontes entre sectores económicos
Unha das apostas que se está facendo na súa posta en marcha é a de ofrecerlle ás tarxetas ás empresas da comarca dos sectores industrial e primario para que consideren adquirilas como regalo navideño para as súas plantillas. De feito, todas as empresas asociadas a AEVA xa recibiron a información detallada da iniaciativa e o Clúster da Pizarra e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aceptaron difundir esta proposta entre as empresas que os integran.

Con isto, AEVA quere poñer o foco na economía circular e na conexión que existe entre todas as activiades económicas que fan comarca, incluindo a restauración e o comercio.
Como funciona?
Os establecementos que queiran vender tarxetas ou estar dentro da rede de negocios onde se poden gastar, deben ser socias de AEVA e cubrir un formulario dispoñible na web empresariosdevaldeorras.com.
Despois se lles facilitarán as tarxetas, un expositor se o desexan, e un indicativo para a porta ou o escaparate. Estar en Valdecash non ten custe e a súa implementación é áxil e sinxela. No caso das empresas que queiran adquirir tarxetas para regalar poden dirixirse directamente a AEVA por teléfono ou correo electrónico ou tamén descaragr un formulario de solicitude que está na web da asociación. Tamén a veciñanza pode mercalas a título persoal na sede de AEVA, na Praza do Concello 2, en horario de 8 a 15 horas e de 16 a 19 horas de luns a venres.