domingo. 08.06.2025

Máis de 300 puntos de recarga para vehículos eléctricos en Galicia

Estarán situados en aparcamentos, gasolineiras e centros de traballo de Vegalsa-EROSKI. É unha iniciativa de Iberdrola e do grupo vasco de supermercados
ACUERDO EROSKI IBERDROLA CARGA DE VEHÍCULOS ELÉCTRICOS
Máis de 300 puntos de recarga para vehículos eléctricos en Galicia.

Iberdrola e EROSKI pecharon un acordo para a instalación e explotación de mil novos puntos de recarga para vehículos eléctricos durante os vindeiros tres anos; máis de 300 deles estarán operativos en aparcamentos e gasolineiras de Vegalsa-EROSKI en Galicia.

As novas instalacións contarán con enerxía 100% verde, procedente de fontes renovables con certificado de garantía de orixe (GdOs) e permitirán aforrar 30.000 toneladas de CO2 ao ano, o que suporá un impacto positivo na calidade do aire similar ao que terían 1,5 millóns de árbores.

Con esta infraestrutura os usuarios poderán recargar a batería dos seus coches mentres realizan as súas compras, cunha variedade de potencia de cargadores que lles permitirán recargar 100 quilómetros desde os 6 minutos ata os 45.

Nunha primeira fase daráselle prioridade á instalación dos puntos de recarga nas gasolineiras EROSKI. Todos eles estarán dispoñibles na aplicación de recarga pública de Iberdrola, a máis valorada do sector, na que se pode visualizar e xeolocalizar información verificada de todos os cargadores, comprobar a súa operatividade en tempo real e reservar e pagar desde o móbil.

Con esta iniciativa, Iberdrola segue a acelerar a súa estratexia de transición da mobilidade cara a un sistema libre de emisións e o seu plan de mobilidade sostible. Pioneiro en poñerse en marcha no 2016, prevé a instalación de 100.000 cargadores eléctricos ata o 2025 en fogares, empresas e na vía pública. Para iso, o seu deseño de infraestrutura pública desenvólvese en autovías e corredores e tamén en cidades e pequenas poboacións, co obxectivo de contar con polo menos unha estación de recarga rápida cada menos de 50 quilómetros.

Mediante este acordo, o grupo EROSKI avanza na súa aposta pola sustentabilidade integral no desenvolvemento da súa actividade e na redución da pegada de carbono, contribuíndo á promoción do coche eléctrico na súa rede de supermercados.

«Este acordo reforza a estratexia de mobilidade sostible de Iberdrola e evidencia a necesidade de colaboración de todos os axentes implicados no camiño cara á descarbonización e a mellora da calidade do aire das nosas cidades e concellos. O grupo EROSKI é un claro aliado para avanzar na posta en marcha de puntos de recarga en lugares onde os usuarios acoden acotío para que poidan realizar as súas recargas mentres realizan as súas compras ou mentres traballan», explicou o director de Iberdrola Clientes España, David Martínez.

«Con este acordo con Iberdrola contribuiremos a crear unha rede de recarga para vehículos eléctricos de calidade, ampliando así os nosos servizos ao dispor das persoas consumidoras. Máis de 300 das nosas instalacións que reúnen as condicións que a normativa marca incorporarán estes puntos de recarga e permitirán achegar aínda máis a mobilidade eléctrica á cidadanía. Damos así un novo paso máis no noso compromiso coa neutralidade de carbono e na nosa política de mobilidade sostible e respecto ao medio ambiente», afirmou o director de Desenvolvemento de EROSKI, Javier España.

Máis de 300 puntos de recarga para vehículos eléctricos en Galicia