
O Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco de Valdeorras encara o 2025 con novos proxectos e propostas. O seu presidente, Jacobo Arias, anunciou cambios nas actividades habituais, entre os que destaca a chegada dunha nova xerente. «Xa somos unha xunta directiva que pasamos por tres xerentes, esperemos que isto se calme», indicou Arias, facendo referencia á estabilidade que buscan para o futuro do CCA.
Tras a recente Pasarela 2024, o equipo directivo decidiu introducir modificacións nas actividades máis representativas. Segundo Arias, «escoitamos as opinións das tendas que participaron no desfile, e optamos por realizar un cambio significativo, aínda que non radical. Esperamos que guste a todos». Ademais, anunciou que comunicarán e debaterán estas propostas con todos os asociados para garantir a implicación colectiva.
O CCA tamén busca renovar outras campañas para evitar a repetición e ofrecer experiencias máis atractivas. Entre as novidades, destaca a idea de organizar unha segunda edición da Festa do Centro Comercial Aberto e redefinir as colaboracións con eventos locais como Os Mallos, a Ruta do Viño e o CD Barco.
Jacobo Arias subliñou o esforzo diario dos propietarios dos negocios asociados, destacando que o CCA está traballando en iniciativas específicas para cada establecemento. «Os propietarios están ao pé do canón todo o ano, e queremos pensar en algo que lles beneficie directamente», afirmou.
Outro dos obxectivos do 2025 será ofrecer máis oportunidades de formación aos comerciantes, aínda que Arias recoñece as dificultades. «É complicado organizar sesións de formación porque a gran maioría son autónomos, traballan sen descanso, e un domingo libre é difícil de dedicar a formarse». A pesar destas limitacións, o CCA comprométese a planificar accións formativas que poidan axudar aos negocios a adaptarse e mellorar.