jueves 9/12/21

Acruga aposta pola formación continua no sector vitivinícola

A recén creada Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das I.X.P Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga) impulsa  o Primeiro Programa Superior en Dirección e Xestión de Empresas Vitivinícolas
SONY DSC
Acruga aposta pola formación continua no sector vitivinícola

A recén creada Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das I.X.P Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga) impulsa, co respaldo da Xunta de Galicia a través do Igape e en colaboración coa Galicia Business School, o Primeiro Programa Superior en Dirección e Xestión de Empresas Vitivinícolas, que esta mañá foi inaugurado no Hotel Balneario de Laias,  polo vicepresidente de Acruaga, José Luis García Pando; o director da Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga e o director do Área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás Massó.

Tal e como salientou no acto o vicepresidente de Acruaga e presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, esta acción formativa evidencia a aposta que o eido do viño, do augardente e dos licores tradicionais galegos realiza pola formación continua tanto para xerentes e propietarios de adegas como para traballadores.

En total, este programa oferta 25 prazas que foron todas cubertas. “Adecuar a formación ás necesidades das empresas, require dunha rigorosa análise para poder establecer unha axenda concreta, que dende Acruaga perfilaremos e cuxo desenvolvemento pode achegar importantes beneficios para todos, dotándoos dun maior desenvolvemento das súas capacidades”, destacou García Pando durante o acto de inauguración do curso.

Competitividade e internacionalización

Xunto a isto, contribuír a mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas vitivinícolas galegas, e tamén do sector do augardente e dos licores tradicionais constitúe outro dos obxectivos deste programa, a cargo da Galicia Business School. “Para lograr que as nosas adegas medren e desenvolvan o seu negocio a nivel internacional é necesario contribuír, dende a base, a profesionalizar a súa xestión.

Neste sentido, este curso achegará ferramentas para capacitar ao empresariado do sector a xestionar os seus negocios profesionalmente, desenvolver accións de promoción exterior e definir e elixir estratexias gañadoras que fagan máis competitivas as súas empresas e reforcen as suas marcas de viño”, concluíu García Pando.

Un equipo con décadas de experiencia

Pola súa banda, dende Galicia Business School, o seu director Eduardo García Erquiaga destacou “o carácter práctico e vivencial desta formación. Todos os profesores son profesionais comerciais activos e pertencen ás mellores escolas de negocios. É un programa 100% empresarial e profesional. O programa servirá de guía e como base para a transformación das adegas participantes, que desenvolverán proxectos de mellora como resultado da súa participación no programa tutelado polos profesores de Galicia Business School”.

“É un paso máis para vincular a nosa escola co sector: traballamos activamente no Plan Conxunto de Internacionalización da D.O. Gallegas e o noso equipo leva décadas de acompañamento nos plans estratéxicos do sector vitivinícola en Galicia”, asegurou.
 

Acruga aposta pola formación continua no sector vitivinícola