sábado. 20.04.2024

O principal obxectivo deste plan é asegurar e preservar a calidade dos viños da nosa comunidade

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por terceiro ano consecutivo, os  controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia. Así, o control de parcelas e de rendementos xa empezou nestes días e a parte específica da vendima iniciarase cando estea dea comezo de xeito efectivo, estando prevista para mediados de setembro.



Este é un plan propio da Xunta, ao que destina este ano preto de 200.000 euros e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe.

Para este control, cóntase cun equipo formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe —Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei—.



No ano 2020 os inspectores realizaron o control sobre 4.170 parcelas, que corresponden a un total de 454 viticultores das diferentes denominacións. Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que na anterior. Así, faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima. Tamén se controlarán os centros de acopio ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, garantindo que estean dados de alta no respectivo consello regulador. Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.

A Xunta activa o plan propio de control de vendimia na D.O. Valdeorras