A Chuvia e o vento non foron quen de que os máis de 100 deportistas tomaran a saída no Bañadoiro para completar o percorrido da segunda BTT Ruta do Viño Valdeorras. As condicións climatolóxicas si interviñeron no trazado xa que a auga caída durante a noite facía intransitable o camiño de subida a Correxais e foi suprimido este tramo.
Desde Vilamartín ao Barco pasando por Arcos e de alí a Éntoma Rubiá e Petín. O percorrido inicial era de 57 quilómetros cun desnivel positivo↑ de 1.821 m, pero o suprimir o tramo de Correxais quedou en 40 quilómetros.
É unha proba non competitiva na que se lle entregou aos participantes un chip para controlar o percorrido que lle foi entregado aos ciclistas cando recolleron o dorsal.
«O evento deportivo que discorre por parte dos concellos que forman parte do propio roteiro, ten como obxectivo fomentar a difusión do enoturismo como ferramenta impulsora do sector turístico, mediante a práctica dunha marcha de montaña que permita coñecer a riqueza paisaxística, natural e cultural da comarca de Valdeorras, e que incluira o paso por varias adegas do Roteiro do Viño», explican desde a organización.
Para poder levar a iniciativa contaron coa organización de Roteiros Xanza, o patrocinio do Xacobeo, a Deputación de Ourense, o Consello Regulador D.O. Valdeorras o concello de Villamartín e contou coa colaboración da Pena Ciclista Valdeorras. Ademais, participaron as asociacións Cris contra o cancro e O Motor dos teus pasos.
A iniciativa, concibida como unha estratexia para a dinamización turística e posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais de Valdeorras conta con participantes chegados desde diversos puntos de Galicia e tamén da veciña provincia de León.
Das 114 persoas rexistradas na BTT, 45 pertencen a clubs ciclistas -dous deles emprazados nas localidades leonesas de Bembibre e Cacabelos- e 69 realizan esta proba non competitiva de maneira independente, sen afiliación a ningún club. Ademais, un total de 110 son homes e catro son mulleres. Entre os participantes rexistrados figuran os recoñecidos deportistas galegos Iván Raña e Gustavo César Veloso.
A saída produciuse a partir das 09.30 horas desta mañá en Ou Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, e o regreso efectuarase no mesmo punto. A organización propuxo un roteiro que discorre por estradas, camiños e sendas dos municipios do Barco, Rubiá, Vilamartín e Petín. En concreto, varios dos subtramos da proba discorren por diferentes puntos do Camiño de Inverno.
Ao longo do percorrido, a organización dispuxo, ademais, varios puntos de avituallamento de líquidos e sólidos para insuflar enerxía aos participantes no roteiro.
Unha disciplina con moitos adeptos
En palabras de Joaquín Sánchez, “a bicicleta de montaña, como disciplina deportiva, gana cada vez máis adeptos en todas partes e, por iso, desde o Roteiro do Viño consideramos interesante promover un roteiro en BTT pola nosa comarca. Deste xeito, combinando práctica deportiva coa divulgación dos atractivos máis visitables da zona, achegamos o noso grao de area para axudar a crear marca Valdeorras como destino turístico”.