A Xunta activa un programa de voluntariado para recuperar os espazos naturais afectados polos lumes de 2025
A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental nos concellos con espazos protexidos, unha iniciativa que busca implicar á cidadanía na recuperación dos ecosistemas afectados polos incendios de 2025.
As persoas voluntarias participarán en tarefas como o mulching —a técnica que permite protexer o solo con palla de cereais— e na distribución manual de alimento e auga para a fauna silvestre.
O plan, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, desenvolverase ao longo de outubro e comezos de novembro en distintas comarcas galegas e ofrece 650 prazas en 11 concellos galegos afectados polos lumes de 2025, dos cales 8 pertencen ao oriente ourensá.
As zonas máis castigadas polos lumes recibirán unha atención prioritaria. En total, nas comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Vilariño de Conso desenvolveranse 18 actuacións, distribuídas do seguinte xeito: A Veiga, 2 actuacións; Carballeda de Valdeorras, 2; Chandrexa de Queixa, 3; Larouco, 1; Manzaneda, 3; Vilamartín de Valdeorras, 4; e Vilariño de Conso, 1.
Estas intervencións buscan reducir o impacto da erosión, mellorar a regeneración da vexetación autóctona e garantir alimento á fauna que habita nestas áreas naturais protexidas.
A Xunta cubrirá os gastos de aloxamento e manutención, así como un seguro de accidentes e responsabilidade civil para todos os participantes. Os desprazamentos ata o punto de encontro serán por conta de cada voluntario ou voluntaria, que deberá presentarse antes das 20:00 horas do primeiro día da súa quenda.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata completar as quendas. Cada persoa poderá anotarse nunha acción por fin de semana, e a selección realizarase por orde de inscrición.
As solicitudes poden realizarse a través do formulario dispoñible en www.voluntariadogalego.org ou escaneando o código QR habilitado.
Os requisitos son sinxelos: ter 18 anos cumpridos, residir en Galicia, cumprimentar o formulario de inscrición.
Desde a Xunta destacan que este programa é unha oportunidade para contribuír directamente á recuperación do patrimonio natural galego, ao tempo que se fomenta o espírito solidario e o compromiso ambiental.
A mellor forma de coidar o futuro é poñer as mans na terra que nos dá vida.