domingo. 05.10.2025

A Xunta activa un programa de voluntariado para recuperar os espazos naturais afectados polos lumes de 2025

As persoas interesadas poden inscribirse xa para colaborar en tarefas de restauración ambiental en 11 concellos con espazos protexidos. O programa inclúe 650 prazas e comezará o 10 de outubro.
portada_somoscomarca_20250817_obarco_incendio_outarelo_voluntarios

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental nos concellos con espazos protexidos, unha iniciativa que busca implicar á cidadanía na recuperación dos ecosistemas afectados polos incendios de 2025.

As persoas voluntarias participarán en tarefas como o mulching —a técnica que permite protexer o solo con palla de cereais— e na distribución manual de alimento e auga para a fauna silvestre.

O plan, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, desenvolverase ao longo de outubro e comezos de novembro en distintas comarcas galegas e ofrece 650 prazas en 11 concellos galegos afectados polos lumes de 2025, dos cales 8 pertencen ao oriente ourensá.

As zonas máis castigadas polos lumes recibirán unha atención prioritaria. En total, nas comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Vilariño de Conso desenvolveranse 18 actuacións, distribuídas do seguinte xeito: A Veiga, 2 actuacións; Carballeda de Valdeorras, 2; Chandrexa de Queixa, 3; Larouco, 1; Manzaneda, 3; Vilamartín de Valdeorras, 4; e Vilariño de Conso, 1.

Tabla

Estas intervencións buscan reducir o impacto da erosión, mellorar a regeneración da vexetación autóctona e garantir alimento á fauna que habita nestas áreas naturais protexidas.

A Xunta cubrirá os gastos de aloxamento e manutención, así como un seguro de accidentes e responsabilidade civil para todos os participantes. Os desprazamentos ata o punto de encontro serán por conta de cada voluntario ou voluntaria, que deberá presentarse antes das 20:00 horas do primeiro día da súa quenda.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata completar as quendas. Cada persoa poderá anotarse nunha acción por fin de semana, e a selección realizarase por orde de inscrición

As solicitudes poden realizarse a través do formulario dispoñible en www.voluntariadogalego.org ou escaneando o código QR habilitado.

Os requisitos son sinxelos: ter 18 anos cumpridos, residir en Galicia, cumprimentar o formulario de inscrición.

Desde a Xunta destacan que este programa é unha oportunidade para contribuír directamente á recuperación do patrimonio natural galego, ao tempo que se fomenta o espírito solidario e o compromiso ambiental. 

A mellor forma de coidar o futuro é poñer as mans na terra que nos dá vida.

A Xunta activa un programa de voluntariado para recuperar os espazos naturais afectados...