
O sindicato Unións Agrarias lamenta a desatención que seguen sufrindo os máis de 3.500 produtores de castaña rexistrados en Galicia por parte da Consellería de Medio Rural. Logo das gravísimas perdas provocadas polas xeadas e a seca no que vai de ano, e que xa superan os 6 millóns de euros, desde o departamento de Ánxeles Vázquez nin sequera se atendeu as solicitudes de reunión feitas polos representantes dos sector.
Neste contexto, para a organización agraria supón un total despropósito destinar 166.000 euros a un proxecto fallido como o chamado Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, cando a día de hoxe se lle seguen negando as axudas directas aos produtores para contrarrestar as perdas.
Hai que lembrar unha vez feitos os investimentos previstos para o que ía ser un centro de referencia da castaña a nivel do estatal, tan só se concretou unha plantación de 100 hectáreas de castiñeiros que agora está abandonada.
Por outra banda, non se entende que este tipo de aportes económicos por parte da Xunta se fagan ao marxe da IXP Castaña de Galicia e do sector produtor galego que esta espallado por mais de 200 concellos. Semella pois un acto mais de propaganda de Medio Rural para tapar a súa total inoperancia na xestión da delicada situación que está atravesando o sector primario.
Unións Agrarias, a través dos vogais que ten na IXP Castaña de Galicia, vai a solicitar ao pleno do órgano reitor que reclame da Xunta de Galicia toda a información na que se sustentou a decisión de inxectar fondos públicos nun proxecto que leva moitos anos parado e do que non se extraeu rendemento algún para o sector.