O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense volverá ser en 2026 unha das principais apostas polo benestar, a saúde e o envellecemento activo. A partir deste 7 de xaneiro, abrirase o prazo de presentación de solicitudes para participar nesta iniciativa, que permitirá acudir aos balnearios da provincia desde o mes de xaneiro ata decembro.
Co obxectivo de facilitar o acceso a todas as persoas interesadas, a Deputación habilita diferentes vías para realizar as xestións. Ademais da solicitude en liña, poderase acudir de maneira presencial ás oficinas da Área de Benestar, situadas no edificio de Correos da rúa Progreso, contar co apoio dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou realizar as xestións mediante chamada telefónica aos propios balnearios, que colaboran activamente no desenvolvemento do programa.
Un dos aspectos máis destacados desta edición é que o termalismo estará dispoñible durante todo o ano. Os balnearios participantes habilitarán quendas desde o mes de xaneiro ata finais de decembro, o que permite adaptar a experiencia ás necesidades e preferencias de cada persoa. A primeira quenda iniciarase xa a mediados de xaneiro, apenas uns días despois da apertura do prazo.
A modalidade con maior número de prazas ofertadas será, un ano máis, a de Estancias Termais, que inclúe seis días de duración con aloxamento, pensión completa, dez técnicas termais e acceso ás piscinas de auga mineromedicinal. Trátase dunha das opcións máis demandadas polos usuarios do programa, pola súa combinación de descanso, saúde e convivencia.
Toda a información detallada sobre o Termalismo Social 2026 está dispoñible na páxina web termalismourense.com, onde se poden consultar os balnearios participantes —Arnoia, Eurostars de Allariz, Laias, Lobios, O Carballiño e Partovia—, así como as distintas modalidades do programa, os requisitos de acceso, os servizos incluídos e o calendario de quendas de cada establecemento.
Como novidade nesta edición, os balnearios poderán establecer un prezo único ou diferentes tarifas en función da tempada —baixa, media ou alta— na que se desenvolvan as estancias, unha información que tamén estará detallada na web xunto cos calendarios correspondentes.
Ante o elevado número de consultas que se adoitan rexistrar nos primeiros días tras a apertura do prazo, a Deputación habilitará varias liñas telefónicas específicas para atender as demandas de información, reforzando así a atención ás persoas interesadas e garantindo un acceso áxil e próximo ao programa.
O Termalismo Social consolídase así como unha iniciativa clave da Deputación de Ourense para promover a saúde, o benestar e a calidade de vida, ao tempo que pon en valor os recursos termais da provincia e achega estes servizos a toda a cidadanía.

