viernes. 29.03.2024
somoscomarca_agudiña_estacion_ave_portadegalicia_2022 (1)
O PP reclama melloras de accesibilidade na estación Porta de Galicia da Gudiña

Ante as queixas de usuarios e o silencio do ADIF fronte ás peticións da Xunta e O Concello da Gudiña, os deputados do Partido Popular pola provincia de OUrense, Celso Delgado e Ana Vázquez, presentaron no Congreso senllas iniciativas nas que poñen de manifesto os problemas de accesibilidade na estación de alta velocidade da Gudiña, Porta de Galicia.

Para chegar a pé a terminal hai que percorrer un treito por estrada e salvar unha rampla cun 6 % de desnivel para acceder á plataforma, polo que se solicita a instalación dun ascensor, no oco xa construído, para que tanto as persoas con mobilidade reducida como os usuarios coas súas equipaxes podan salvar a longa rampla.

somoscomarca_agudiña_estacion_ave_portadegalicia_2022 (2)
Longa rampla que teñen que subir os viaxeiros para acceder ao andén

A nova estación experimentou un notable aumento no número de viaxeiros desde a súa inauguración e a posta en funcionamento da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, a finais do pasado decembro. Destacan os deputados ourensáns que: «Transcorridos cinco meses, resulta incomprensible que aínda non se procedera á execución das melloras de accesibilidade».

En concreto, os representantes do PP reclaman dous proxectos: a continuidade da senda peonil que parte desde o casco urbano ata a nova terminal, e a instalación dun ascensor para acceder á plataforma. 

Polo que respecta á primeira demanda cómpre sinalar que a nova estación de alta velocidade está situada nas aforas da poboación. Para facilitar o acceso aos viaxeiros, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade construíu unha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-533, pero esta só chega ata as proximidades da terminal pois debe ser Adif a que lle dea continuidade nos terreos da súa propiedade. Xunta e Concello, sinalan Delgado e Vázquez, "xa trasladaron esta cuestión ao administrador ferroviario, sen obter polo de agora resposta positiva algunha".

somoscomarca_agudiña_estacion_ave_portadegalicia_2022 (1)
Escaleiras que soben á terminal 

 

Pero os viaxeiros "non só se ven na obriga de transitar sen protección ao carón da estrada, o que resulta aínda máis perigoso durante a noite", senón que ao chegar á terminal teñen que salvar unha longa rampla cun 6 % de desnivel, "tanto as persoas con mobilidade reducida como os usuarios que veñen cargados coas súas equipaxes". A solución está nun ascensor "para cuxa instalación xa quedou construído o oco necesario". É dicir, "un investimento alcanzable de case 70.000 euros en comparación co custo da estación, de preto de 4 millóns de euros".

Servizo para viaxeiros

 

A nova estación da Gudiña atópase a pouco máis de 75 quilómetros de Ourense e atende a crecente demanda de viaxeiros non só procedentes das comarcas de Monterrei e Valdeorras, senón tamén do distrito portugués de Tras-Os-Montes próximo a  Chaves, e de Vila Real, converténdose así tamén en parada para os destinos termais de Verín,  Chaves, Vidago e Pedras Salgadas.

Adif-AV aprobou a licitación desta terminal de alta velocidade en setembro de 2018, tomando o nome de Porta de Galicia". A adxudicación das obras produciuse en abril de 2019 por un importante de 3,2 millóns de euros, cantidade que se ampliaría despois en preto de 650.000 euros máis.

A estación foi inaugurada polo rei Felipe VI o 20 de decembro do pasado ano, coincidindo coa viaxe inaugural do AVE a Galicia.

O PP reclama melloras de accesibilidade na estación Porta de Galicia da Gudiña