Pazolandia volveu confirmar o seu papel como unha das grandes citas do Nadal en Galicia. O parque de atraccións familiar pechou a súa 30ª edición cun balance moi positivo, ao recibir preto de 26.000 visitantes no Pazo dos Deportes Paco Paz durante as festas. En total, 25.578 persoas desfrutaron das instalacións, nunha edición que destacou pola súa capacidade para atraer familias de toda a provincia, de Galicia e tamén doutros puntos de España.
Desde a organización salientan a crecente presenza de visitantes chegados doutras comunidades, familias que escolleron Ourense como destino vacacional nestas datas ou que regresaron ás súas raíces para celebrar o Nadal. Así, Pazolandia contou con asistentes procedentes de provincias como Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta ou Oviedo, confirmando a proxección estatal dun evento xa plenamente consolidado.
A fidelidade dos concellos ourensáns foi outro dos piares desta edición. Preto de 3.000 persoas acudiron a través de excursións organizadas polos seus municipios, cun total de 62 concellos implicados. Ademais, máis do 90% dos concellos da provincia tiveron representación en Pazolandia, con visitantes procedentes de 85 municipios, o que reforza o carácter provincial e vertebrador desta iniciativa.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo o acento na importancia de promover propostas que cheguen a todo o territorio. «Garantimos que ningún neno quede atrás, viva onde viva», sinalou, ao tempo que reafirmou o compromiso da institución con iniciativas que fomentan o lecer en familia e facilitan a conciliación durante as vacacións de Nadal.
Nesta liña de inclusión e compromiso social, Pazolandia contou tamén coa participación de 2.877 persoas procedentes de centros invitados, entre eles Amigos da Barrela, Fundación Morea, centros de menores como A Carballeira, Montealegre, Monteledo ou Montefiz, así como entidades sociais como Fundación Meniños, Cáritas, Cruz Vermella, Amencer, Valores ou As Burgas.
As enquisas realizadas ao longo da celebración amosan un elevado grao de satisfacción das familias usuarias, que valoraron especialmente un modelo de parque pensado para nenos e nenas desde os 12 meses, con actividades e instalacións adaptadas a cada idade. A aposta pola venda en liña consolidouse tamén nesta edición, con 14.249 entradas adquiridas por esta vía, case tres de cada catro.
A celebración do 30 aniversario serviu para reafirmar a identidade de Pazolandia como un espazo de lecer seguro, divertido e accesible, no que a inclusión foi un eixo central, con actividades adaptadas para rapaces e rapazas con diferentes capacidades, garantindo a participación en igualdade de condicións.
Detrás do éxito desta edición está, como lembran desde a organización, o traballo colectivo do persoal técnico, dos monitores e de todo o equipo humano que fai posible que, ano tras ano, Pazolandia siga sendo sinónimo de Nadal, encontro e ilusión para miles de familias.


