domingo. 08.06.2025

Os parques eólicos de Valdeorras e Terras de Trives entre os seis paralizados polo TSXG

Esta medida de suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia afecta á Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Quiroga, San Xoán de Río e á Pobra de Trives
somoscomarca_eolicos_20231186
Seis parques eólicos galegos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou a suspensión cautelar de seis parques eólicos. En concreto, decretou a paralización dos parques Monte do Cordal, Dos Cotos, Treboada, Mesada, Legre e Xeada. 

O parque eólico Treboada abarca os municipios de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e Ribas de Sil. No caso do parque eólico Xeada, está situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga. 

«A Xunta fixo oídos xordos e mirou para outro lado»

María González Albert, alcaldesa da Rúa —municipio afectado por esta resolución—, remóntase a todas as veces que desde «o BNG levamos estes parques o Parlamento de Galicia cunha proposición, non de lei, reclamando que se tivera en conta que era una fragmentación irregular». Xa que, segundo explica, este era un «único proxecto» e dividíase para «saltarse as tramitacións ambientais por parte do Ministerio». 

O que se levou o Parlamento, por parte do grupo nacionalista, foi que «non era o mesmo a afectación que pode ter un parque de seis muíños, por exemplo, a un máis grande». Por mor de tratalos como «parques individuais non se estaban a sumar as afectacións ambientais». 

Durante estas propostas levadas a cabo polo Bloque Nacionalista Galego «a Xunta fixo oídos xordos e mirou para outro lado», asegura a alcaldesa. Estas circunstancias puxeron «os concellos nunha situación de inseguridade xurídica moi complicada». Dende o concello da Rúa «libramos, pero poderíase dar o caso de que nos atoparamos coas obras iniciadas», di María González. Polo tanto, a zona afectada quedaría «obrada ou tería unha subestación alí e ía ser difícil a retirada», incide.  

Dede o punto de vista da alcaldesa «o tribunal ten que dirixirse o goberno galego e reclamarlle responsabilidades por esta xestión demencial que se está facendo do desenvolvemento eólico neste país». 

«Cando todos os veciños de Vilamartín estean de acordo e queiran facelo, pareceranos ben»

Despois de 13 anos como alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez explica que durante este tempo «viñeron unha serie de empresas prometendo que ían facer un parque eólico». Fai referencia a varias empresas, xa que «ao longo destes anos acudiron uns e marcharon, chegaron outros e non sei que problema tiveron cas licencias. Nesta ocasión, os trámites desta empresa estaban superados, segundo o que din».

De feito, os veciños de Robledo «xa estaban avisados de que se ía facer», asegura Álvarez. Tras esta nova notificación, por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, «quedamos sorprendidos porque como todo estaba pasado e ao final non se solucionou nada, volve todo para atrás», explica o alcalde. 

A pesar de todo, dende o concello, «sempre fixemos alegacións porque, en principio, non estamos de acordo con este sistema», asegura. O problema que atopa Enrique Álvarez é que «alguén chegue e diga que vai colocar uns eólicos e que vai pasar por encima de todo, do que pensemos os veciños e o concello». 

Por este motivo atopábanse «enfadados con todo o que estaba a acontecer». Cando o equipo de goberno presentou as argumentacións correspondentes «falamos de que aí está a aguia real e a única parella que existe en Galicia. Sinalamos que temos unhas rutas nas que gastamos cartos e que o entorno íase ver afectado. Tamén que todos os veciños tiñan que estar de acordo»

«Canto todos os veciños de Vilamartín estean de acordo e queiran facer algo así a nós pareceranos ben. Pero que alguén chegue polas bravas e que o poda facer desta maneira entón, podo dicir que me alegro de que o volvan para atrás». A maiores fai visible o seu malestar porque todo isto aconteceu, «pero non polas nosas alegacións, non se tiveron en conta». 

«Estamos descontentos dende que nos dixeron que Quiroga quedaba fóra dos parques eólicos»

Quiroga xa quedara excluído do parque eólico Xeada, só lle quedaba a liña de evacuación. Isto acontecía «polo tema de que había unha parella de aguias reais na zona de Montouto. Ao parecer só voa para Lugo e non para Ourense», aseguran dende o equipo de goberno. 

Segundo explican, estas obras quedan suspendidas «polo tema da fauna e, incluso, pola Red Natura 2000». Cabe destacar que esta rede ecolóxica non chegaba ata o lugar da construción, «pero vese que a queren ampliar ata alí». 

Dende o momento que o concello de Quiroga quedou fóra da colocación de eólicos «estamos moi descontentos». Dende o goberno quirogués explican que «era un beneficio non só para o concello, que se ían facer estradas e mellorar accesos, tamén para as comunidades de montes que collía catro ou cinco parroquias. Igual provocaba que a xente volvese ás aldeas»

«Non se pode apostar por un modelo enerxético e despois prohibir construílo»

San Xoán de Río é outro dos concellos afectados por esta suspensión cautelar. En concreto, este municipio pertencía ao parque eólico Treboada. Por mor de que estas negociacións comezaron «antes de que chegaramos o goberno, nós respectamos calquera medida xudicial que existe. Cando teñamos a definitiva, miraremos se é posible facelos ou non», asegura Xosé Miguel Pérez, alcalde do municipio. 

O que está claro, pola man de Pérez, é que hai que «mirar que se cumpra toda a seguridade que faga falta. É mellor parar agora e que non haxa ningún tipo de problema que repercuta sobre o medioambiente». 

Dende o equipo de goberno de San Xoán de Río confían «na xustiza deste país, o tempo dará a razón a un ou a outro lado». Pola súa banda, están a «favor de que se monten os muíños, pero coa condición de que non afecte aos veciños», resalta o alcalde. 

O que pide Xosé Miguel é que «se decida o antes posible, para ter unha seguridade xurídica e que se fagan as cousas ben». A pesar disto, considera que esta situación «crea unha inseguridade para a xente que tiña firmado co parque eólico e estaba esperando unhas ganancias». Con este atraso, o que se pode é «xerar uns fanos económicos que, polo que leo, ninguén vai cubrir». Asegura firmemente que «non se pode apostar por un modelo enerxético e despois prohibir construílo». 

 

Os parques eólicos de Valdeorras e Terras de Trives entre os seis paralizados polo TSXG