Matrícula de balde para os estudantes de grao universitario e ensinanzas artísticas superiores

Non terá custo para todos os que inicien estudos en primeiro curso, así como os de segundo e posteriores que superen entre o 65% e 90% dos créditos

As familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores no curso 2024-25 terán bonificado o prezo da matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades. Ademais, a medida supón un aforro medio de 3.000 euros para as familias por cada fillo estudante de grao universitario.

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) ou ter superado un ciclo de FP de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en adiante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no 2023-24 e matricularse no curso 2024-25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de crédito matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia.

Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de aceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.