Festas, cine e folclore neste 15 de agosto

Festas, cine e folclore neste 15 de agosto.
Aquí pode consultar as citas de Valdeorras, Terras do Bolo e Terras de Trives para este festivo do Día da Asunción

Chegou xa o segundo día festivo do verán máis agardado por todos: o 15 de agosto, día da Asunción da Virxe. Numerosas festas na súa honra, cine de verán no Barco e en San Xoán de Río e unha nova parada das Xornadas de Folclore, hoxe en Viana do Bolo. 

Festas na honra á Asunción

Numerosas son as vilas e municipios que hoxe renden culto á Virxe da Asunción. En total son oito. Arrincamos por Viana do Bolo onde a festa na honra da Virxe dará paso á de San Roque. Neste 15 de agosto procesión e misa polas rúas de Viana acompañada pola banda de música Candeason que tamén fará a sesión vermú. Apartires das 10.30 horas na Praza Maior Xornadas de Folclore para rematar coa actuación de Funçao Públika.

Procesión da Virxe da Asunción saíndo da praza Maior en Viana do Bolo

Pobra (O Barco), ás 13:00 horas celebrará procesión e misa solemne. Xa pola noite, a partir das 21:00, festa e verbena coa Discomóbil Danzalia. 

Chegamos até Vilanova (O Barco), onde celebran Misa ás 12:00 horas e logo sesión vermú. Xa na sesión de tarde e na verbena contarán co Grupo Café Olé.

Procesión da Asunción (Vilanova).

En Portela (Vilamartín) hoxe é o día grande con misa solemne e procesión; e baile e verbena co grupo Cerbatana Show. 

En Cepedelo (Viana do Bolo) arrincan cun pasarrúas con gaiteirada ás 11:00 horas. Xa ás 13:00 horas Santa Misa e ás 13:45 sesión vermú. Pola tarde, a partir das 17:30 horas chega o deporte co tradicional Torneo de Bolos e Rá; e ás 20:00 verbena con disco móbil Sandro. 

Se nos achegamos até Lamalonga (A Veiga) haberá pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Abertal. Logo, ás 12:30 horas comezará a Misa Solemne. Xa pola tarde haberá colchonetas a partir das 18:00 e actuación da Orquestra Triunfo —ás 20:30 horas— e fin de festa co Dj Tariro. 

Finalmente, no Castelo (Rubiá) hoxe arrincará a xornada festiva cun pasarrúas con gaiteiros. Ás 11:00 horas celebrarase a Misa Solemne e procesión. Ás 18:00 comezará a Festa da escuma e baile tarde-noite co Dúo Musilar. 

Cine ao aire libre e Xornadas de Folclore

Dentro da programación de verán do Barco, hoxe proxectarase a película "Mario Bros" ás 22:30 horas na praza Maior. E, se nos achegamos até San Xoán de Río, alí poderá verse o filme "+Cuñados" ás 22:00 horas na área recreativa A Veiga

Finalmente proseguen neste día festivo as Xornadas de Folclore, neste caso, en Viana do Bolo ás 22:30 horas na praza Maior.