Máis de corenta voluntarios participaron este domingo entre as 10.00 e as 13.00 horas na limpeza da beira do río Sil, entre O Barco e Vilamartín. A primeira hora non estaban todos pero a medida que foi avanzando a mañá foron incorporándose máis persoas.
Esta iniciativa comezou hai catro anos cando un grupo de socios, familiares e amigos do Club de Pesca Deportiva Spinning Valdeorras que, aproveitando que as árbores de ribeira estaban sen follas e despois das crecidas do inverno que deixan as polas cheas de plásticos, era o momento de liberar a natureza de lixo.

Así o ratificaba esta mañá o alcalde de Vilamartín cando Somos Comarca se poñía en contacto con el para saber como ía indo a xornada. «Algo estamos facendo mal, e non somos conscientes», apuntaba. «Sacamos nesta primeira hora máis de 50 sacos en menos de 100 metros», subliñaba.

O Concello de Vilamartín puxo a disposición desta iniciativa a pá e o camión do Concello para sacar o escombro que tiran algunhas empresas construtoras de particulares. «Levamos sacado tres tractores de escombro que non debería estar aquí. Na contorna non hai punto limpo para este tipo de residuos e as empresas téñeno que levar a Ponferrada ou a Monforte e por aforrar costes ou por non presupostalo nos proxectos de demolición, pasan estas cousas». Sinalaba Barreiro ao respecto deste tipo de lixo.

En Vilamartín limpouse entre o arroio das Pías e a presa de Valencia do Sil e foi moito o lixo que deste lugar se sacou.

No Barco, o outro punto onde se actuou, as labores leváronse a cabo pola zona da Praia do Ouro até a Raña. Daniel Prada presidente do club sinalaba en Radio Valdeorras Onda Cero que o lixo que máis abondaba eran «plásticos de cualquier tipo. Las toallitas son otro problema».

Unha mañá solleira na que os voluntarios desfrutaron da natureza e sobre todo limpárona de lixo. «A xente que se mobiliza está concienciada co que está pasando o problema son os que cando nos ven limpar mírannos coma si estivésemos tolos» concluía o alcalde de Vilamartín.
