
O Grupo Provincial Socialista acadou un acordo no pleno da Deputación de Ourense para a constitución dunha mesa de traballo que elabore un plan estratéxico da Estación de Montaña de Manzaneda. Tamén incluirá á Xunta de Galicia, representantes dos partidos con presenza na Deputación es os alcaldes de Manzaneda e A Pobra de Trives.
Co voto favorable de todos os grupos agás DO, que se abstivo, aprobouse a moción. «Unha xestión acaida coas esixencias dun complexo de tan particulares características e transparente, dotada dos mecanismos para que partidos e cidadanía poidan acceder a documentación e información sobre procedementos que desde hai anos vén reclamando o noso Grupo Provincial», sinalou Aurentino Alonso, deputado socialista por Valdeorras.
Para este, «a situación é insostible, xa que, ao longo catálogo de irregularidades que o Grupo Provincial Socialista vén denunciando desde hai anos, temos que engadir a chea de críticas de usuarios da Estación, que chegan a afirmar que as instalacións son máis propias dun país non desenvolvido».
Esta moción socialista que contou co apoio de PP e BNG, tamén prevé a adopción das medidas necesarias para o regreso ao consello de administración de Meisa, a entidade xestora, dos alcaldes da Pobra de Trives e de Manzaneda, garantindo así a representatividade dos territorios nos que se asenta a Estación, «como ocorre no Pirineo Aragonés ou Serra Nevada».
«Dende que entrei de deputado provincial teño unha teima, en concreto, a Estación de Manzaneda. Esta ten un potencial tremendo, cunha riqueza natural moi grande e uns servizos moi importantes», asegura Alonso.
O deputado tamén puxo en valor destas instalacións, «temos unha riqueza que é sobrevida cando hai neve, ou se hai outro tipo de actividades que serven de atractivo para que veña xente de outras provincias de España ou do norte de Portugal».