Aberto o prazo para inscribirse no programa de intercambio xuvenil ao Xapón
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre o prazo para inscribirse no intercambio xuvenil ao Xapón do programa A Xuventude no mundo, que volve a celebrarse do 1 ao 6 de setembro. O obxectivo do Goberno galego é facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais.
En total, ábrense 15 prazas dirixidas a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As persoas que participan viaxarán á Prefectura de Wakayama, cuxo camiño Kumano Kodo está irmandado co de Santiago.
O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida. Será a cargo das persoas participantes os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio no Xapón. Non poderán ter acceso á esta edición aqueles mozos e mozas que participaran xa nas últimas tres convocatorias (2018, 2019 e 2023) realizadas ao mesmo país.
Prazo de inscrición
Os interesados teñen aberto o prazo dende este 28 de maio ás 10 horas ata o 31 de maio ou ata esgotar as prazas. A inscrición será a través de formulario electrónico que se habilitará na web da Dirección Xeral de Xuventude. A admisión será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio.