
Pon a súa disposición un catálogo de produtos con alternativas de crédito tras a campaña de vendima
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, e o director de zona de Abanca en Ourense Este, Diego Fernández, rubricaron un novo convenio financeiro «que medra con novas opcións de crédito para atender as demandas dos viticultores unha vez rematada a campaña da vendima». O acordo, explican dende a entidade bancaria, «ven a reafirmar o compromiso cun segmento básico da economía produtiva da comarca e cun sector estratéxico para Galicia».
O convenio pon a disposición dos integrantes desta denominación de orixe un catálogo de produtos «con alternativas de crédito que aborda especialmente algunhas das necesidades máis esenciais». Así, os produtores poderán acceder a préstamos específicos con prazos de amortización amplos e xuros baixos. A oferta complétase con outros produtos como liñas de comercio exterior, financiamento a través de leasing, avais e anticipos de subvencións ou impostos.
Do mesmo xeito, Abanca poñerá súa disposición, persoal especializado en xestión de seguros, quen asesorará sobre as pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada asociado. O banco ofrecerá aos interesados seguros específicos para o sector como a Liña Agro Seguro, o Seguro de Explotación Agraria, o Seguro Casas de Labranza ou o Seguro de Maquinaria Agrícola, entre outros.
Os produtores da DO Valdeorras tamén se beneficiarán das vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de Abanca, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. Tamén desfrutarán das fórmulas de financiamento incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos, e poderán gozar das vantaxes do acordo do banco coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo.