Estabilizado o incendio forestal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras
A Consellería do Medio Rural confirmou que o incendio forestal iniciado na parroquia de Casaio, no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, foi estabilizado ás 23:20 horas do venres, 4 de xullo.
O incendio comezara ás 06:16 da mañá do venres e, segundo os últimos datos provisionais, calcúlase que afectou unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Trátase dunha zona de alto valor ambiental, polo que a rápida intervención dos servizos de emerxencia foi clave para evitar maiores danos.
No operativo de extinción participaron: 2 técnicos, 6 axentes forestais, 15 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 1 avión.
A Consellería lembra á cidadanía a importancia de manter a alerta durante a tempada de alto risco de incendios. En caso de detectar algún lume, recoméndase chamar de inmediato ao 085, teléfono gratuíto de emerxencias forestais.
Ademais, está dispoñible o 900 815 085, un número gratuíto e anónimo para denunciar calquera actividade incendiaria sospeitosa. Toda a información actualizada sobre incendios que superen as 20 hectáreas pode consultarse na conta oficial de X (antigo Twitter): @incendios085.