Lardeira (Carballeda) celebra o Pai Eterno con devoción e tradición

Centos de peregrinos, entre eles veciños de San Pedro, Rubiá, e Alejo desde Sobradelo Vello, manteñen viva a devoción na aldea máis alta de Galicia, celebrando con historias, fe e festa

Dentro do municipio de Carballeda de Valdeorras, en plena montaña, atópase a localidade de Lardeira, a aldea máis alta de Galicia, situada a uns 1.246 metros sobre o nivel do mar. Hoxe, recibiu aos seus romeiros cun día radiante, converténdose nun foco de peregrinación que congregou a centos de persoas chegadas desde diferentes puntos de Valdeorras e das comarcas veciñas leonesas de San Pedro de Trones, La Cabrera e El Bierzo.

A pesar do número reducido de habitantes —uns 10 ao longo do ano—, hoxe Lardeira foi o escenario dunha conmemoración  que mantén viva a tradición de camiñar ata a igrexa por devoción, por ofrecemento ou simplemente para pasar un día diferente. Entre a multitude, atopamos historias que merecen unha mención especial, aínda que seguramente cada un dos presentes ten os seus motivos intransferibles para participar nesta festa.

Por exemplo, dous veciños de San Pedro que levan 20 anos acudindo sen falla. Tamén coñecemos a Alejo, que por ofrecemento a súa avoa decidiu asistir por primeira vez, correndo desde Sobradelo Vello, e comenta que “de facelo, facelo con un pouco de penitencia”.

Outro exemplo é Manuel Antonio e Manuel, pai e fillo, que viñeron a pé desde Rubiá, un camiño de 27 quilómetros que saíron ás 6 da mañá. Manuel Antonio leva 17 anos peregrinando, e o seu primeiro motivo foi pedir algo ao Santo e cumpríuselle; agora, continúa facendo o mesmo “porque sempre hai algo que pedir ou por quen pedir”.

Tamén hai un grupo de 126 persoas de La Cabrera, Carballeda e El Bierzo, moitos deles ofrecidos, de aí que este ano decidiron xuntarse para comer todos xuntos en Lardeira, normalmente esta xuntanza a fan no San Vitoiro. Para elo alugaron unha carpa na que non faltaron empanadas, pulpo e carne ao caldeiro. 

Con todas estas historias, a procesión multitudinaria, comezou ás 13:00 horas, aínda que xa desde as 10 da mañá se celebraron misas, nas que os fieis se colocan en fila ao redor da igrexa para pasar baixo a imaxe, seguindo a tradición de pasar un número impar de veces, que debido á estreiteza das andas, se fai de un en un. O obxectivo é que os fieis se sintan “protexidos pola advocación”.

Despois da procesión e a misa,   presidida polo párroco de Sobradelo, D. Juan José Prieto, chegou a parte lúdica da celebración: unhas boas tapas de pulpo, bo viño, música en vivo con orquestra Galaxia e un ambiente de festa que se estenderá durante toda a tarde, facendo desta unha xornada inesquecible para todos os que participaron.