Casaio reivindica o futuro do rural con emprendemento, raíces e construíndo desde o propio
Casaio converteuse este 27 de marzo nun auténtico escaparate do potencial do rural. Baixo o título “Raíces con Futuro: O valor de emprender no rural”, a xornada impulsada pola Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego puxo o foco nunha idea cada vez máis clara, o futuro tamén se constrúe desde as aldeas.
E fíxoo a través dun exemplo concreto, próximo e real: o proxecto Eco dos Teixos, unha iniciativa que combina natureza, historia e turismo consciente en pleno entorno de Trevinca.
Emprender desde o territorio e quedar
A xornada reuniu a emprendedores chegados desde Valdeorras e O Bierzo, interesados en coñecer de primeira man como converter o entorno nunha oportunidade.
Durante o encontro, o subdirector xeral de emprendemento da Xunta de Galicia, José Luis Maestro Castiñeiras, acompañou aos participantes e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para fixar poboación no rural. A mensaxe foi clara, apoiar proxectos que xeren riqueza no propio territorio é clave para manter viva a Galicia interior.
Eco dos Teixos: cando a natureza se converte en oportunidade
Un dos momentos centrais foi a intervención de Pedro e Elba, impulsores de Eco dos Teixos, quen compartiron a súa experiencia emprendedora.
O seu proxecto demostra como o patrimonio natural e histórico pode converterse nun motor económico. Espazos como o Teixadal de Casaio, as Minas de Wolfram de Valborraz, a Cidade da Selva ou as pinturas rupestres de Pala de Cabras forman parte dunha proposta que aposta polo turismo sostible e o respecto polo entorno. Unha maneira de emprender que mira ao pasado, coa vista posta no futuro.
Historia, territor e sabor local
A xornada non quedou só nas palabras. Tamén houbo espazo para vivir o territorio. Os asistentes participaron nunha visita á aldea antiga de Casaio, un percorrido pola súa arquitectura tradicional que serviu para reflexionar sobre a importancia de conservar a identidade como base do desenvolvemento.
O peche chegou cunha degustación de produtos locais, nun ambiente de encontro e networking onde a gastronomía volveu demostrar que tamén é unha peza clave do emprendemento rural.
Un rural con futuro
“Raíces con Futuro” deixou unha idea clara, as iniciativas que nacen desde o territorio, respectando a súa esencia, son as que teñen maior percorrido.
Casaio converteuse así nun símbolo dunha nova mirada ao rural, onde tradición, innovación e oportunidades camiñan da man. Porque, cada vez máis, emprender non é marchar, senón quedar e construír desde o propio.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado