Dentro dos actos organizados polo «Pasaporte Solidario», 170 nenos do colexio Condesa de Fenosa do Barco fixeron unha saída a Arcos polo Camiño de Inverno. Os alumnos de 3º a 6º curso partiron as 10:30 horas do colexio en dirección á Praia do Ouro. A primeira parada foi na ponte romana da Proba, onde Modesto —profesor do Condesa de Fenosa— deulles unha explicación sobre a historia deste vestixio romano.
Tras esta paradiña, seguiron rumbo a Arcos onde os esperaba David Daniel Vázquez, coautor do libro «Ultreya et Suseya por el Camino de Invierno», de recente edición. Xa no pobo, foron conducidos ata a igrexa de San Lourenzo onde David lles deu moitas explicación sobre o Camiño. Para que servía a cabaza do Bordón do peregrino ou por que existía o Camiño de Inverno, e moitas máis curiosidades foron contestadas polo escritor de Arcos.
Unha vez rematadas as explicacións, tocou realizar outra ruta, a das covas —edificacións de especial relevancia nesta localidade y que teñen unha festa propia—. Na zona do Regueiro, onde está situado o parque infantil, comeron e repuxeron forzas para volver ao colexio polo outro trazado do Camiño, que os levou ata Tremiñá.
Na conversa mantida no espazo de Radio Valdeorras Onda Cero, Modesto —profesor do colexio—asegurou que esta camiñada cumpría varios obxectivos: o físico, o cultural e cumprir co Pasaporte Solidario, cuxo principal obxectivo é promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa que fomente o traballo en equipo e achegue o alumnado á realidade do voluntariado.
Dentro deste programa —este é o terceiro ano que participan— tocaba facer unha ruta Xacobea e elixiuse a do Camiño de Inverno, que «ademais de estar pretiño axuda a polo en valor e dalo a coñecer», asegurou Modesto. A volta aproveitaron para realizar unha actividade medioambiental e recolleron o lixo dun tramo da ruta.