sábado. 25.06.2022

Unha quincena de asociados de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, déronse cita as 9:00 horas do 12 de outubro, na praza do Concello da Rúa, para coller o autobús que os levaría ata Torrenovaes, punto de partida da andaina.

Este percorrido circular de 9 quilómetros gústalle moito aos asociados, non é de estrañar que xa sexa a terceira vez que o fan. O encargado de organizar a andaina foi, un ano máis, Fernando García Gómez. Desde o castelo de Torrenovaes —construído no século XIII foi sé dos Cabaleiros da Orde de Malta— os andaríns tomaron o antigo Camiño Real, do que aínda se conservan moitos tramos co empedrado orixinal.

Desde O Castelo baixaron ata o regato do mesmo nome que, atravesaron por riba dunha ponte de fabricación medieval construída en pedra de sillería e mampostería do país. Ao pasar a canle, comezaron o ascenso suave por un vello camiño labrado na rocha viva desde onde se divisa o castelo. Entre aciñeiras, sobreiras ou castiñeiros subiron á cima, cuxo descenso levounos a Hospital.

A chegada a Hospital despois de recorrer case que 5 quilómetros visitaron os dous conxuntos arquitectónicos máis relevantes destas terras, a Casa Torre ou de Tor, que se remonta ao século XVI.

Os arredores do cruceiro que se atopa no atrio da igrexa de San Salvador foi o lugar elixido para almorzar.  Logo visita á capela de San Xoán, xoia prerrománica do século X. Segundo nos relatou Asun, presidenta da asociación «esta capela ten restos que paga a pena ver, no presbiterio pódense ver as lápidas dos cabaleiros franceses da Orde de San Xoán». O retablo maior barroco o Cristo Crucificado ou a pila Bautismal foron recantos da capela tamén vistos polos camiñantes rueses.

Xa por último subiron ao Castro da Ermida onde, descubriuse no seu santuario o famoso «Crismón» de finais do século IV e principios do V, actualmente no Museo Diocesano, —no santuario consérvase unha réplica—.

E logo de tanto camiñar e ver, comida nun restaurante do val de Quiroga para repor forzas e comentar todo o visto.

Os Amigos do Camiño desfrutaron da camiñada por terras de Quiroga