
Solicitan que se corrixan os respectivos Plans Básicos de cada concello con respecto ao trazado que se seguía até o de agora
Os presidentes das asociacións do Camiño de Inverno de Valdeorras, Asunción Arias; Ribeira Sacra, Aida Menéndez e Lalín-Deza, Ramón Villanueva reuníronse onte en Monforte de Lemos para tratar sobre a problemática xurdida ante a nova sinalización que se está levando a cabo sobre o trazado do Camiño de Inverno polo casco urbano do Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Lalín, por parte da Axencia de Turismo de Galicia.
As sinais que se colocaron hai dous meses en concellos como o do Barco non seguen o anterior trazado o que supón un certo caos para o peregrino xa que as guías indican por un lugar e as frechas van por outro. Ademais estase a prexudicar aos veciños que a principios de ano se acolleron aos plans de rehabilitación previstos para vivendas ao carón dos Camiños de Santiago xa que agora o camiño xa non vai por onde ía até o de agora.
A nova sinalización «discordante coa que ata agora figuraba no trazado de ditas vilas realizada polas devanditas Asociacións , en base a documentación que foron recollendo ao longo de máis de 20 anos», sinalan. Están en desacordo con estes trazados realizados pola Axencia de Turismo, e xa no ano 2019, 2020 e 2021, enviaron alegacións á Dirección Xeral de Turismo e a de Patrimonio da Xunta de Galicia. Explican que a sinalización tamén contou co rexeitamento da cidadanía e Asociacións veciñais e que colectivos coma a asociación veciñal Eduardo Pondal de Monforte de Lemos, a do Porto da Barca e o I.E.V. do Barco de Valdeorras ou concellos coma o de Lalín interpuxeron a súas oportunas reclamacións.
Solicitan por tanto que: «Se corrixan os respectivos Plans Básicos de cada concello con respecto ao trazado do Camiño de Inverno polas vilas de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Lalín, segundo a sinalización que ata agora se podía seguir por cada un destes lugares, a través das frechas amárelas que estas Asociacións marcaron, ou ven a través das webs e guías editadas ata agora. Unha sinalización que consideramos se debe manter, mentres non se realiza a delimitación do Camiño de Inverno», reclaman.
Ademais as asociación do camiño lamentan que non se conte con elas e non se lles informe, xa que foron as que recuperaron esta ruta e sinalizaron o Camiño de Inverno ata a actualidade.