A recollida de datos para saber o número de peregrinos que pasaron este ano por Valdeorras será a próxima iniciativa da asociación
Un ano máis, e xa van catro, a Asociación de Amigos do Camiño por Valdeorras organizou o día da Pilarica, o 12 de outubro, a andaina á Encomenda». Desde Torres Novaes a Encomenda os camiñantes puideron contemplar o Castelo de Torres Novaes, camiñar pola antiga calzada romana, Camiño Real; almorzar preto do cruceiro da igrexa de San Salvador e logo visitar a sua cripta.
A saída realizouse
en autobús desde a praza do Concello da Rúa ás 9:00 horas para chegara o punto
de partida, o pé do Castelo de Torres Novaes. Un exemplar de arquitectura militar, románico
e gótico, constituído por dous corpos independentes distintos entre si: A torre
do homenaxe, de planta cadrada e o segundo corpo o pazo, de planta trapezoidal.
O acceso a ambos espazo é a través de portas que teñen encima a Cruz de Malta xa
que este castelo — construído no século XIII— foi sé dos cabaleiros desta orde.
Pola Calzada Real
logo de pasar a ponte medieval sobre o río do Castelo das Eiras, divisaron a
torre do castelo pola cara norte. Tras a subida entre aciñeiras, sobreiras,
xardóns e castiñeiros comezaron o descenso até Hospital. Nesta poboación
pertencente ó Concello de Quiroga detivéronse no adro da igrexa de Hospital
para almorzar contemplando o cruceiro erguido sobre de un pedestal con
escaleiras circulares.
O conxunto de San Salvador de Hospital mestura arquitectura relixiosa, civil e militar. A igrexa parroquial é un conxunto de diferentes épocas. Ten tres naves comunicadas con arcos de medio punto na que a ábsida é unha antiga igrexa románica de finais do século XII. Esta absida recibe o nome de Capela de San Xoán, dos enterramentos ou da Comunión e foi emoregado como mesa do tribunal para admitir os aspirantes á Orde de San Xoan. O longo dos laterais atópanse os sepulcros de García Rodríguez de Quiroga, Juan de Losada y de Violante de Rivadeneira. «Esta capela ten restos que paga a pena ver, no presbiterio pódense ver as lápidas dos cabaleiros franceses da Orde de San Xoán», sinalou Asunción Arias, presidenta da asociación. O retablo maior barroco o Cristo Crucificado ou a pila Bautismal foron recantos da capela tamén vistos polos camiñantes rueses.
Ó remate da visita o conxunto arquitectónico de San Salvador tempo de xantar de confraternización en Quiroga.
A asociación Amigos do Camiño por Valdeorras pecha con esta andaina o calendario de iniciativas do período estival e de outono relacionadas co Camiño de Inverno e o tempo libre. Un dos seus retos inmediatos é realizar unha estatística do número de peregrinos que pasaron polo Camiño no tramo de Valdeorras.
Fotos cedidas pola Asociación Amigos do Camiño de Inverno