martes. 01.07.2025

A Serra da Lastra contará cun plan reitor

Trátase dun plan para os vindeiros seis anos

O primeiro plan de xestión de usos e xestión de Serra de Enciña da Lastra entrará en vigor a comezos deste outono, concretamente o vindeiro martes 8 de outubro.

O Diario Oficial de Galicia publica o Decreto polo que se aproba o primeiro plan reitor de uso e xestión do parque natural máis novo dos seis que existen na Comunidade e que terá unha vixencia de seis anos.

Un plan reitor é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos.



Entre as novidades do mesmo destaca que contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público.

Ao mesmo tempo, é a folla de ruta coa que protexer e preservar todos os valores que fan único a este parque natural, que nas súas máis de 3.000 ha de superficie (3.151) atópanse os aciñeirais máis extensos e mellor conservados de Galicia, onde destaca a Aciñeira de Covas -que con máis de 500 anos de vida está declarada árbore senlleira pola Xunta de Galicia por ser unha reliquia botánica de gran valor natural e cultural-; mantén salgueirais mediterráneos -moi escasos no territorio galego- e conserva os únicos tomiñares da Comunidade Autónoma.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a importancia deste parque tamén reside na súa paisaxe e no que veciños e visitantes poden admirar un espectáculo paisaxístico e natural, como son os vales que labra o Sil, que tamén divide un sistema montañoso, con incribles gargantas que se poden descubrir pola ruta existente entre Vilardesilva e Covas.

Así, conservar e protexer este parque natural

é tamén unha responsabilidade e necesidade para facilitar a preservación da

comunidade de aves nidificantes máis rica e singular de Galicia, con preto de

100 especies que se poden observar nos cantís e canóns.

No caso deste parque, o plan reitor de uso e xestión clasifica catro categorías. Así, aquelas zonas que requiren dun alto grao de protección por albergar os maiores valores naturais, científicos e paisaxísticos é a denominada zona de reserva (Zona I). Estará destinada exclusivamente a actuacións e usos directamente vinculados coa xestión, investigación, seguimento e recuperación dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural.

A zona de uso limitado (Zona II) son aquelas

que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de

excepcional rareza, de especial interese pola súa escaseza e/ou diversidade, ou

de especial fraxilidade. O acceso e desprazamentos dos visitantes estarán

permitidos, aínda que sometidos a certas limitacións, e poderán desenvolverse

usos tradicionais con restricións específicas. Nesta área inclúense as ladeiras

cubertas por aciñeirais, as tomiñeiras e pastos naturais, o río Sil, o río

Galir e regachos e ribeiras fluviais.

A Zona III, de uso compatible, está formada

por áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario,

hábitats de especies de interese para a conservación que forman parte dunha

matriz que inclúe elementos da paisaxe agraria tradicional e cultivos forestais

que se sitúan en espazos moi demandados polo uso público. Nestas zonas

permítese a práctica de aproveitamentos tradicionais, así como as actividades

deportivas e recreativas de baixa incidencia ambiental, especialmente o

sendeirismo, excursionismo e actividades afíns.

Por último, a zona de uso xeral (Zona IV)

correspóndese co territorio do Parque cun valor medio ou baixo de conservación.

Inclúense nesta zona todos os núcleos rurais do espazo natural, a canteira

situada na cabeceira do rego da Pereda, a central eléctrica de Cornatel, a

presa de Penarrubia e os viarios asfaltados, así como as grandes áreas destinadas

a uso público.

A Serra da Lastra contará cun plan reitor