A Xunta e o Concello da Veiga estudan colaboracións para mellorar o abastecemento de auga no municipio
Durante o encontro, celebrado en Santiago de Compostela, ambas administracións avaliaron varios proxectos relacionados coa adecuación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da localidade e coas melloras previstas no depósito municipal. Tamén abordaron posibles actuacións nas instalacións de servizos municipais dos núcleos de Baños, Castromarigo e San Lorenzo.
Segundo explicou a conselleira, o persoal de Augas de Galicia analizará agora as propostas trasladadas polo Goberno local co obxectivo de determinar a súa viabilidade e estudar posibles vías de colaboración, tanto desde o punto de vista técnico como financeiro.
Ángeles Vázquez destacou tamén o apoio que a Xunta presta aos concellos en materia de saneamento e abastecemento para facilitar unha xestión «máis eficiente» destes servizos e garantir unha atención de calidade á veciñanza. Neste sentido, lembrou que o orzamento de Augas de Galicia para este ano ascende a 151,7 millóns de euros, un 5,5 % máis que en 2025, dos que 108,7 millóns se destinarán a actuacións relacionadas co abastecemento e saneamento.
A maiores, a titular de Medio Ambiente lembrou que Augas de Galicia ten previstas cinco liñas de axudas dirixidas a municipios e entidades locais menores de 50.000 habitantes, cun investimento global próximo aos 7 millóns de euros. Estas subvencións permitirán financiar obras para reducir fugas nas redes de abastecemento, minimizar infiltracións no saneamento, instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais ou realizar auditorías das infraestruturas municipais.
No encontro tamén se abordaron iniciativas vinculadas á conservación e promoción do patrimonio natural do municipio, integrado na Rede Natura 2000. O rexedor informou á conselleira da posibilidade de impulsar unha colaboración co municipio zamorano de Porto para desenvolver plans conxuntos arredor do Macizo de Pena Trevinca, considerado unha das áreas subalpinas máis importantes da Península Ibérica.