Unhas 40 persoas déronse cita no Alto da Portela para recorrer os máis de 14 quilómetros que separan esta paraxe da aldea de Lamalonga, lugar de nacemento de José Escuredo Vega, Pepe de Barrio, autor das figuras en granito que se atopan ao longo do percorrido do Viacrucis da Serra.
Nesta camiñada que se fai a máis de 1000 metros de altitude polo chamado Viacrucis da Serra, cada estación está sinalada cunha figura en granito habendo un quilómetro entre cada estación. A metade do percorrido realízase unha parada (antes era unha misa de campaña) para tomar folgo e chegar a Lamalonga onde non faltou, como cada ano un chocolate quente.

O Viacrucis da Serra leva celebrándose desde o ano 2000 sen interrupción agás estes dous últimos anos de pandemia. No 2020, cando se cumpriu o 20 aniversario, o percorrido fíxose de xeito virtual a través do perfil de Facebook da Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Lamalonga "Pepe de Barrio". A organización non quixo daquela perder a tradición e así o reflectía na súa rede: «É unha homenaxe, como recoñecemento a toda esa xente que participa, participou, e sen dúbida participará en próximas edicións».

No 2022 o Viacrucis da Serra volveu a camiñar entre a beleza das montañas dos contrafortes de Trevinca tinguidas polo morado das carqueixas e o amarelo e branco das xestas que adornan máis, se cabe, a fermosura das figuras de granito de Pepe.

Cada conxunto escultórico do viacrucis está formado por unha figura tallada en granito, cruz e placa de pedra co nome da estación. Na oitava hai unha mesa de pedra onde se celebra a misa. O derradeiro, situado a entrada de Lamalonga, é o da Resurrección.

Pepe de Barrio comezou a realizar este viacrucis cando tiña 79 anos tal como se relata na extensa biografía realizada por Rosa e Rafael, filla e xenro do escultor. «Otro de los proyectos grandiosos de Pepe: un viacrucis grande a lo largo de la pista forestal de la sierra; entonces aún no estaba asfaltada. Un Pepe de 79 años que en el curso del proyecto cumplió los ochenta, salía de mañana, cargaba el famoso tractor chimpín y se tiraba todo el día en la sierra, así lloviera, nevara, o hiciera un sol y calor de justicia, cargando y descargando piedras y estatuas, haciendo cemento, instalando y nivelando las estatuas», pode lerse na parte dedicada a súa «máxima creación».

A creación artística de Pepe xurdiu tras a superación dunha grave enfermidade que lle impediu volver realizar labores campo pero permitiulle esculpir a pedra e a madeira. Convencido de que a súa salvación debíase á intervención da virxe, a súa obra xira en torno as realización de figuras de carácter relixioso. A cada unha das 29 parroquias da Veiga agasallounas cos seus santos e mesmo, no cuartel da Garda Civil da capitalidade do concello pódese encontrar a Pilarica, patroa deste corpo de seguridade.

Entre todas as obras espalladas por todo o concello cabe destacar o magnífico Obelisco de Lamalonga, así como o conxunto escultórico denominado por el mesmo “Quinta Avenida” situado ao longo da rúa que leva a súa casa.
