A Veiga xa ten unha ambulancia 24 horas na rede de cardioprotección en zonas rurais

A Veiga xa ten unha ambulancia 24 horas na rede de cardioprotección en zonas rurais.

O vehículo está xa operativo. Conta cun desfibrilador externo semiautomático e un técnico en emerxencias sanitarias

A Veiga xa conta cunha ambulancia convencional da Fundación Pública Urxencias de Galicia-061 que comezou a prestar servizo este martes 18 de xuño. Está operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano. 

O alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, acompañado do subdirector de Procesos Asistenciais de Enfermería da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Óscar Estraviz Paz, visitaron as instalacións da base da ambulancia no municipio.

Dito vehículo de transporte de enfermos —con base e zona de cobertura preferente no municipio da Veiga— conta cun desfibrilador externo semiautomático (DESA) e un técnico en emerxencias sanitarias con formación no uso do mesmo. Deste xeito, en caso de emerxencia, acúrtanse os tempos ata a realización da masaxe cardíaca e a desfibrilación temperá.

Este modelo de recurso asistencial comezou a implantarse no ano 2019 noutras zonas do rural co obxectivo de mellorar a cardioprotección en zonas afastadas e de difícil acceso.

Optimización da cobertura asistencial

O aumento dos recursos asistenciais da rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 optimiza a cobertura destas zonas de grande extensión e dispersión poboacional, que inflúen na distancia co seu hospital de referencia. Ademais, a incorporación deste recurso permitirá mellorar os tempos de asistencia á poboación e incrementar a calidade asistencial coa atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados sanitarios.

 

Coa incorporación da ambulancia convencional da Veiga, a rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 dispón de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, cinco ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermería, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias convencionais.

Todos estes recursos, mobilizados desde a Central de Coordinación do 061, garanten a asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias en Galicia as 24 horas do día, os 365 días do ano.