Tres persoas feridas nun accidente con tres vehículos implicados na Veiga

Un accidente de tráfico rexistrado este domingo, 24 de agosto, ás 13.00 horas deixou un balance de tres persoas feridas na estrada OU-0804, que une O Covelo coa Veiga. O sinistro produciuse á altura do punto quilométrico 10, nas proximidades da Praia dos Franceses e do Hotel As Chairas.

Segundo informou o 112 Galicia, tratouse dunha colisión por alcance na que se viron implicados tres vehículos. As tres persoas feridas foron trasladadas ao centro médico de referencia para recibir asistencia sanitaria.

A alerta foi dada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), que de inmediato mobilizou ao servizo de urxencias sanitarias 061, ao GES da Veiga, a Protección Civil da Veiga e á Garda Civil de Tráfico, que se desprazaron ao lugar dos feitos.