
«Gustaríame que a xente se dera conta de que hai que coñecer e respectar a montaña e, se fora posible, amala», estas son as palabras de Antonio Fernández, Cholo, presidente do Club de Montañismo Montañas de Trevinca. Fai xa 22 anos naceu a «aperta, un acto en honor a Pena Trevinca» para conmemorar o Día da Montaña Galega. Todo comenzou cando Cholo ía con «uns nenos da Veiga e pareceume interesante que chegaran o cumio». Alí soaron esas gaitas que «tan ben sabían tocar. Non como unha festa, foi en honor a ela».
Ademais foi con «ese himno», a marcha procesional do Antigo Reino de Galicia. Cholo destaca que a eses 2.127 metros de altura escoitouse de «marabilla».
Nesta vixésima segunda edición o encargado de realizar este xesto tan simbólico será o escritor Sebastián Álvaro Lomba, quen conta cun amplío historial de expedicións, aventuras e numerosos libros sobre a montaña e o montañismo. Tamén, dirixiu durante 27 anos o programa televisivo “Al Filo de lo Imposible”.

Outra das novidades cas que se conta este ano é cun «pequeno seminario» o día anterior, é dicir, o sábado 15 de xuño. O que se pretende con isto é facer unhas xornadas que axuden a esa «idea de que Galicia é unha terra de montañas». A maiores, subliñar que o Concello da Veiga ten a «cima» e remarcar esa sensibilidade que se precisa para que non se perda esta natureza.
As conferencias, «ou o total do sábado e do domingo», ten un custo de 20 euros. Neste prezo está incluído «o café o tema das charlas, a comida, o pincho da noite», comenta Cholo. Cabe destacar que dende o club contan coa colaboración do Concello da Veiga. O seu alcalde, Juan Anta, «participou moi ilusionado», asegura.
A andaina do domingo, ata o pico de Pena Trevinca, é gratis. Aínda que todo aquel que queira participar, pero non estea federado, «deberemos sacarlle un seguro obrigatorio de cinco euros».
Con esta homenaxe tamén se pretende «pedir máis recoñecemento e unha máis efectiva protección sobre unha natureza excepcional, na que se atopan refuxiados unha boa parte de endemismos botánicos, mamíferos, aves, insectos e réptiles de gran valor medioambiental e científico».