sábado. 20.04.2024
portada-somoscomarca-alvarofernandez-juliogarciacomesaña-2023-03-28
portada-somoscomarca-alvarofernandez-juliogarciacomesaña-2023-03-28

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vén de efectuar onte unha visita ao Concello de A Rúa, na que informou ao seu alcalde, Álvaro Fernández, de que nos próximos días a Xunta solicitará formalmente a licenza de obra do novo centro de saúde de A Rúa, logo de completar a supervisión do proxecto arquitectónico.

O outro requisito pendente para poder iniciar a licitación da obra era a formalización da cesión da parcela por parte do Concello. Despois da súa aceptación polo Consello da Xunta o mes pasado, o goberno local completou o proceso de cesión, como se certifica no documento notarial entregado polo alcalde ao conselleiro.

A finalización destes dous trámites paralelos abre o camiño para que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), órgano da Xunta que ten encomendada esta actuación, poida licitar o contrato de obra. A AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xa foi a encargada de licitar e adxudicar ao longo de 2022 o proxecto arquitectónico do centro, cuxo contido xa foi compartido co alcalde o pasado mes de xaneiro por parte da conselleira Ethel Vázquez.

O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 2,4 M€, contará cunha superficie construída de máis de 1.000 m2. As instalacións constarán dunha área de adultos con 3 consultas de medicina xeral e 1 sala polivalente que pode ser usada como consulta médica; 3 consultas de enfermaría, e 1 sala de técnicas. 

Tamén haberá unha área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos e disporase dunha área da muller cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

Iso significa para a poboación de A Rúa non só duplicar a superficie do actual centro de saúde, senón incorporar espazos que non existen agora como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou un despacho de traballo social.
 

A Xunta solicita a licenza de obra para licitar a obra do novo Centro de Saúde da Rúa