Segundo día de «A Rúa Vive!» con música urbana e remember para facer vibrar O Aguillón
A zona recreativa do Aguillón da Rúa acolle esta fin de semana un festival temático que reune DJs de diferentes estilos. Bautizado como «A Rúa Vive!», busca «lembrar aqueles anos de música disco que lle deron tanta vida á noite ruesa e ao mesmo tempo poñernos no presente coa música que trunfa entre as novas xeracións», aseguran desde a organización.
Unha declaración de intencións para «revivir» e para ‘vivir’ momentos de felicidade ao ritmo da música coa que máis nos identifiquemos pinchada por auténticos profesionais». Neste festival poderase ver tamén a evolución desde o pinchadiscos de toda a vida ata o DJ actual, coas súas semellanzas e as súas diferenzas.
O festival «A Rúa Vive!» está ubicado na zona recreativa da Rúa coñecida como O Aguillón —onde o campo de fútbol de herba artificial— e abre as portas do recinto ás 21:30 h.
Comezou onte con música denominada urbana. «A maior parte dos DJ foron da contorna: Sergito, Iván Tato, Karayán e Tariro. Só Luismi e Tuxiro viñeron de fóra, sendo este último residente da famosa discoteca Pelícano da Coruña».
Hoxe sábado , 29 de xullo, a música remember será a protagonista. «Pincharase música dos 80, 90, 2000 contando tamén cun cartel de profesionais de luxo: Karayán, DJ Repunante, Chack Crespo, Diego Alo, e os máis famosos Motto, Frisco e Marcos Peón. Estes últimos chegan á Rúa co seu espectáculo Guateque “Yo Lataba en EGB”».
«Este festival é 100%100 autofinanciado, organizado polos establecementos; TB, O 4 e o Bravo Lux, pero con importante colaboración do Concello da Rúa e de Protección Civil».
As entradas teñen un custo de 15 euros con consumición.