A Rúa volve á época romana coa BacoFesta
Este 2024 son nove as adegas que están presentes no Aguillón
En A Rúa en agosto non se para. Onte venres 9 de agosto arrincaba unha das datas marcadas no calendario de todos os veciños, a BacoFesta, un evento que chega este ano á súa novena edición e que serve de homenaxe ao viño e ao pasado romano da vila.
A celebración arrincaba xa coa inauguración na ponte romana da Cigarrosa e dende alí, a comitiva dirixiuse ao Aguillón para inaugurar o recinto. Un pistoletazo de saída no que participaron a alcaldesa da Rúa, María González Albert; o director territorial de Medio Rural, José Antonio Armada; a deputada provincial, María del Carmen González; e o fillo adoptivo da Rúa, Wayne Brabender.
A xornada de onte venres tamén contou coa actuación de Los Lobos —tributo a Leiva e Pereza—. Hoxe sábado 10 de agosto a música chegará da man do concerto "Pasármelo G" —tributo a Hombres G— ás 23:00 horas; e mañá domingo será a quenda dos Mojinos Escozíos á mesma hora.
A todo isto súmanse postos de bebida, comida e artesanía. Unha fin de semana completa na que disfrutar do viño e o pasado nunha contorna inigualable.