martes. 04.11.2025

Recoñecemento a dous traballadores e debate polo regulamento de abastecemento protagonizan o pleno da Rúa

O Concello homenaxeou a José Manuel Álvarez Díeguez e Dolores Prada Sobrino antes dun intenso debate sobre o servizo de auga potable, no que se puxo en valor o labor do fontaneiro municipal. Tamén se deu luz verde por unanimidade á delegación do servizo de recadación e a un suplemento de crédito de máis de 63.000 euros.
somoscomarca_arua_plenoarua_homenajetrabajadores (5)
Loli e José Manuel no centro da imaxe coas súas placas conmemorativas

O Concello da Rúa celebrou un pleno ordinario que combinou momentos emotivos e intensos debates sobre cuestións de xestión municipal. A sesión abriu cun recoñecemento institucional a dous empregados públicos, José Manuel Álvarez Díeguez —encargado do Polideportivo Municipal— e Dolores Prada Sobrino, taquilleira do Centro Cultural Avenida e encargada da limpeza, en agradecemento á súa longa traxectoria laboral e servizo ao municipio.

somoscomarca_arua_plenoarua_homenajetrabajadores (4)
Amigos de José Manuel despois da entrega da placa homenaxe

A continuación, tratouse o novo Regulamento do Servizo de Abastecemento de Auga Potable, que provocou un debate prolongado entre goberno e oposición.

A alcaldesa, María González Albert, explicou que a nova normativa responde á necesidade de adaptar o servizo ás novas esixencias técnicas e legais, especialmente tras a entrada en vigor do Real Decreto que actualiza os parámetros de control da auga, como os ácidos haloacéticos, que antes nin se medían. «Cada vez os requirimentos son máis estritos —indicou— e o Concello non ten capacidade técnica para facer fronte a todos estes controis sen apoio especializado. Por iso colaboramos co Consorcio de Augas de Valdeorras, que conta con técnicos cualificados».

somoscomarca_arua_plenoarua_homenajetrabajadores (3)

A rexedora subliñou que o regulamento «non implica nin a privatización nin a transferencia da recadación», senón que «busca garantir un servizo de calidade e dar cobertura legal ás actuacións do persoal municipal e do fontaneiro».

O concelleiro de R.U.A., Fernando Rodríguez, apoiou a medida, destacando que «la mayoría de los concellos non tienen medios para cumplir estas nuevas obligaciones» e gabou o traballo do fontaneiro municipal, «un ejemplo de dedicación que garantiza que el servicio funcione día a día».

somoscomarca_arua_plenoarua_homenajetrabajadores (1)
Fernando Rodríguez do R.U.A. dándolle explicacións oportunas a bancada popular

Desde o PP, o portavoz Álvaro Fernández manifestou o seu voto en contra, argumentando que «non se achegaron informes técnicos nin económicos suficientes» e que «o regulamento podería estar vinculado a unha intención futura de transferir a xestión da auga ao Consorcio». Reclamou «datos e estudos que avalen calquera cambio estrutural».

Tras o debate, o Regulamento do Servizo de Abastecemento de Auga Potable foi aprobado con seis votos a favor e catro en contra.

somoscomarca_arua_plenoarua_homenajetrabajadores (6)
O Partido Popular votando na contra

Delegación do servizo de recadación na Deputación de Ourense

O seguinte punto, o expediente 689/2025, tratou a delegación das facultades de xestión, liquidación e recadación voluntaria e executiva de tributos e outros ingresos públicos na Deputación Provincial de Ourense.

A alcaldesa explicou que a decisión «supón recuperar para o público a xestión dun servizo que agora está en mans dunha empresa externa», e que «permitirá mellorar o control da recadación e da morosidade, ademais de simplificar procedementos”.

O portavoz popular, Álvaro Fernández, confirmou que «xa durante o seu mandato se iniciaran pasos para estudar esta delegación» e anunciou o voto favorable do PP, aínda que pediu claridade sobre se a medida «implicará tamén a transferencia da xestión doutros servizos como o abastecemento de auga».

O punto foi aprobado por unanimidade de todos os grupos.

Suplemento de crédito de 63.629,33 euros

Tamén se aprobou un suplemento de crédito derivado da liquidación definitiva da participación dos tributos do Estado de 2023, que supón un ingreso adicional de 63.629,33 euros.

A alcaldesa aclarou que «non se trata dun diñeiro extra, senón da diferenza do que o Estado non transferiu no seu momento», e explicou que se destinará principalmente a partidas deficitarias do orzamento actual: 30.000 euros a subministros, 1.243 euros a intereses de demora, 32.385,40 euros a traballos realizados por outras empresas (como o servizo de limpeza) e 6.000 euros a subministros para o albergue.

O portavoz do PP preguntou se algunha parte deste importe se destinaría á mellora das redes de saneamento ou abastecemento, ao que a alcaldesa respondeu que «esas actuacións están previstas noutras partidas e no orzamento de 2026», insistindo en que «o servizo de auga é a prioridade absoluta do Concello».

O suplemento de crédito foi aprobado con seis votos a favor e catro abstencións.

Punto urxente sobre competencias de tráfico

Finalmente, tratouse un punto urxente para corrixir un erro no convenio de colaboración coa Garda Civil de Tráfico, aprobado no pleno de xullo. A modificación inclúe os festivos e a franxa horaria correcta (de 20:00 a 8:30 horas), tras detectarse un problema de competencias nun accidente recente.

O PP votou a favor da urxencia e da corrección, aínda que o portavoz Álvaro Fernández aproveitou para denunciar a «falta de información previa sobre os asuntos que se levan a pleno», e lamentou «deficiencias na comunicación co grupo da oposición».

A alcaldesa respondeu que «foi unha urxencia real, sobrevida, coñecida por todos os concelleiros ao mesmo tempo», e agradeceu o apoio da oposición para resolver o asunto con axilidade.

O pleno deixou ver, unha vez máis, as diferentes visións entre o equipo de goberno e a oposición sobre o rumbo da xestión municipal. Aínda así, os principais puntos foron aprobados, o que permitirá avanzar en materias clave como o abastecemento de auga, a recadación de tributos e a coordinación coa Deputación, asuntos que marcarán a acción municipal nos próximos anos.

Recoñecemento a dous traballadores e debate polo regulamento de abastecemento...