sábado. 07.06.2025

Luis Fernández Gudiña, ao frente do Goberno en A Rúa

portada

O sábado 24 de xuño era o día elixido para a toma de posesión do novo alcalde de  A Rúa. Luís Fernández Gudiña presentábase á alcaldía sendo fiel ao pacto de coalición asinado polo BNG e o PSdeG-PSOE.

Malia a existencia do pacto, o popular  Avelino García Ferradal quixo formalizar tamén a súa candidatura para ser o novo alcalde rués. Á vista dos dous candidatos o pleno comezou coas votacións, que se sucederon segundo o previsto: cinco votos para García Ferradal, candidato do Partido Popular, e seis para Gudiña, procedentes do BNG e o PSdeG-PSOE.

Unha vez proclamado oficialmente alcalde, Luís Fernández Gudiña pasou a presidir o pleno, que tiña a toma de posesión como único punto do día.

O candidato popular, aproveitou a quenda de palabra para darlle os parabéns ao novo alcalde, pero tamén para criticar os dous anos de lexislatura da anterior alcaldesa, María González Albert: “Cando non se fai nada, non hai problemas. Estamos esperando a que se cumpra o pacto da remunicipalización de servizos”. Ferradal aludiu tamén a algúns “puntos negros” que quedan sen facer, como o Centro de Saúde, o enlace da Nacional 120, unha solución definitiva para a auga, a dinamización de  A Rúa ou o arranxo de O Aguillón. Rematou o discurso cualificando o actual goberno como un “goberno de perdedores que conseguiron nos despachos o que as urnas non lles deu”.

A estas declaracións contestou a xa ex alcaldesa e portavoz do partido nacionalista, sinalando que o portavoz popular “perdeu a oportunidade de ser educado e demostrar que está aí por algo”, á vez que recordou que a lei electoral permite e anima a formar gobernos de coalición. Albert rematou a súa intervención alegando que o goberno rués, nestes dous anos, “arrancou a senda dunha mellora que continuará durante os vindeiros dous”.

O novo alcalde iniciou o seu discurso agradecendo a todos os presentes que se achegasen á Rúa e dedicando unhas palabras aos seus familiares. A continuación, enumerou os logros conseguidos ata o momento polo actual equipo de goberno, como o PXOM, o saneamento da auga de Vilela, o ascensor do centro de saúde ou a redución de débeda. “Non foron dous anos nos que estivemos parados, fomos quen de sacar todo iso adiante, pero estamos na metade da lexislatura, aínda nos quedan retos importantes que levar a cabo”. Referíndose, principalmente, ao novo Centro de Saúde  e ao enlace da N-120.

Antes de levantar a sesión, Fernández Gudiña asegurou que, nos próximos meses, expoñerán un novo regulamento de participación cidadá, así como implantarán a administración electrónica, repoboarán a zona da Chopeira e remodelarán distintos núcleos do concello. O novo alcalde tamén se interesou polos investimentos en cultura, indicando que intentarán dotar A Rúa dun proxector dixital. Rematou a súa intervención facendo un chamamento aos veciños para que fagan un uso responsable  da auga, sendo este un dos problemas máis importantes que ten nestes momentos a localidade. “Hai moito traballo feito e hai moito traballo por facer. Quédannos novos retos aos que nos vamos enfrontar coa mesma ilusión coa que o fixemos ata agora”, concluíu o alcalde.

Luis Fernández Gudiña, ao frente do Goberno en A Rúa