
O Concello da Rúa xa se encamiña cara a un non parar, serán tres fines de semana seguidos con celebracións. Adiantase a BacoFesta por mor do cambio de data nas festas de San Roque da Rúa Vella —tradicionalmente eran na oitava—.
«Creo que vamos ofertar unhas festas de verán moi boas, cunha programación que facía moitos anos que non tiñamos», así as define María González Albert, alcaldesa do municipio.
Unha das novas máis salientables é que as Festas de Verán estenderase O Aguillón, xa que a zona da estación de tren quedábase pequena. Haberá unha «cohabitación» das actividades que se van desenvolver no centro da vila, como poden ser algúns concertos, charanga ou «o encontro de pincha discos que se realiza fai moitos anos na rúa Doutor Vila», asegura a alcaldesa.
As orquestras trasladaranse ao «antigo campo de fútbol», posto que as grandes dimensións dos escenarios non permitían «cumprir ca lei e ca seguridade de todas as persoas que nos visiten», matiza.
Deste xeito, dende o equipo de goberno consideran que se poderá desfrutar de «un abanico de actuacións para todas as idades e gustos».
Sumado a isto, «pensamos nunhas festas sen parada», explica María G. Albert. O que se pretende é anular o descanso tradicional que hai entre o primeiro pase e a verbena.
En resumo, as Festas de Verán serán a primeira fin de semana de agosto, a Bacofesta a segunda e as de San Roque adiántanse ao propio día, o 16 de agosto.