
Unha vez máis, as piscinas municipais da Rúa volven estar no foco do equipo de goberno. Despois de anunciar todas as actuacións que se están a levar a cabo para arranxalas, agora, María González Albert, alcaldesa do municipio, comunicou que «saíu a contratación a xestión tanto das instalacións como do bar».
A duración do contrato será por tres anos e, nesta ocasión, «é unha adxudicación aberta, na que todo o mundo se pode presentar. Non como noutros anos que se fixo unha directa».
Hai un período de 10 días naturais para presentar as solicitudes, polo tanto, a intención que hai dende o equipo de goberno rués é poder abrilas «a fin de semana do 21 de xuño», aclara Albert.
As actuacións na piscina
«Temos moito interese nas piscinas municipais. Interésanos que estean nas mellores posibles», asegurou a alcaldesa, María G. Albert, noutra entrevista para este medio. De feito, aproveitaba para felicitar ó «obradoiro de emprego, na sección de xardinería, está facendo un gran traballo de limpeza».
Albert facía especial fincapé en que «as piscinas son un elemento que determinan a imaxe do noso concello para afora». Por outra banda, hai un grande interese «en retirar a auga potable para aforrar moitos metros cúbicos», desexaba a alcaldesa.
O refuxio de pescadores
O concurso da xestión do refuxio de pescadores do Aguillón recibiu un total de «catro ofertas, entón este luns —17 de xuño— o tribunal decidirá», explica a alcaldesa. A maiores, asegura estar moi «satisfeitos de que se presentaran estas ofertas. Cando hai competencia a xente esmérase máis».
María G. Albert cree firmemente que «é unha necesidade telo aberto». Aínda que fai fincapé en que dende o concello «atrasamos un pouco nesta contratación, a idea era ela feito moito antes», conclúe.