
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a alcaldesa da Rúa, María González Albert, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación de seguridade cidadá no municipio e o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos
Santos aseguraba en Radio Valdeorras Onda Cero Valdeorras que: «A Rúa é un lugar onde se pode vivir con tranquilidade e seguridade». Respecto aos delitos confirmou, «son poucos e de pouca importancia e as forzas de seguridade están facendo un seguimento continuo de todos eles».
Os datos expostos nesta reunión reflectiron que A Rúa, e tamén Valdeorras, presentan baixos índices de delincuencia e os niveis de delitos graves e leves mantéñense en cifras similares ao mesmo semestre do ano anterior, cunha diminución dun 16% no volume total. Pola contra, aumentaron nun 6% os delitos contra o patrimonio con respecto ao 2023.
A actuación das forzas de seguridade está sendo chave para manter estes baixos índices, como reflicte o incremento nun 18% do número de detidos en relación ao ano pasado; sobresaíndo, por medrar nun 140%, os detidos por delitos contra o patrimonio —principalmente roubos e furtos—.
Respecto á violencia de xénero, as cifras no Concello da Rúa están estabilizadas, aínda que medran na provincia. Incremento que se debe tanto ao aumento do número de denuncias como aos cambios de criterios na desactivación de casos, efectuados coa finalidade de aumentar a protección das vítimas.
O subdelegado poñía o acento especialmente na violencia de xénero, «é un drama e un goteo constante en todos os concellos». Subliñaba que: «Na Rúa hai una unidade especifica de prevención e atención a vítimas».
Valorouse o funcionamento do plan director de prevención de seguridade, de delitos e de violencia nos centros educativos que leva adiante a Garda Civil.