
O Concello da Rúa segue enfocado en mellorar distintos aspectos do municipio e da administración. «Temos moito interese nas piscinas municipais. Interésanos que estean nas mellores posibles», asegura a alcaldesa, María G. Albert.
De feito, aproveita para felicitar o «obradoiro de emprego, na sección de xardinería, está facendo un gran traballo de limpeza». Aínda que queda moito traballo por diante, «as piscinas son un elemento que termina a imaxe do noso concello para afora». Por outra banda, hai un grande interese «en retirar a auga potable para aforrar moitos metros cúbicos», desexa a alcaldesa.
Ordenanza municipal reguladora da venda ambulante
No pleno de sesión ordinaria realizado o día 4 de marzo, acordouse a aprobación inicial dos expedientes relativos ás ordenanzas reguladoras da venda ambulante.
«Era algo que xa existía, pero estaba incompleta e desfasada no tempo. De feito, databa do ano 2000, incluso estaba en pesetas», explica González. Esta normativa será para «a feira mensual, posto de pulpeiras e os mercadillos esporádicos —non contemplados ata agora—». Tras un transcurso de 30 días, e no caso de non existir ningunha alegación, «pasa a aprobación definitiva e, polo tanto, a entrada en vigor oficial».
As obras do municipio
Dende o luns, 1 de abril, comezaron as melloras na Rúa Silveira. «A empresa está traballando moi ben, sen ningún problema», explica González. Dende a empresa xa se lle comunicou o Concello que «fixeron os pedidos de mobiliario urbano, para facer os remates definitivos en canto terminen as obras».
Como xa avanzou en outras ocasións a alcaldesa, «nos próximos días arrancarán as melloras na zona de abastecemento de Santo Estevo para introducir esa estación de tratamento das augas».
Pode escoitar a entrevista completa aquí: