
O pasado 19 de xuño a alcaldesa, María González Albert, anunciaba que as Festas de Verán da Rúa «cohabitarán» entre a Estación e O Aguillón para «cumprir coa lei e coa seguridade de todas as persoas que nos visiten».
Esta medida xa fora exposta o ano pasado, pero non se puido tomar a medida xa que o cambio de goberno foi a mediados de xuño e estaba moi preto das datas da celebración. Daquelas a alcaldesa anunciara que «era a última vez que se facían naquelas condicións de inseguridade, de incumprimento da lei, nun entorno como é a rúa da Estación».
Con motivo desta decisión o Partido Popular rués presentou a solicitude dun pleno extraordinario para pedir «executar as medidas de seguridade necesarias para a celebración das festas e se adapten a normativa vixente sen ocasionar prexuízo algún ao sector hostaleiro, cidadáns ou visitantes». A maiores, Álvaro Fernández, portavoz popular, demandaba «que as festas da Estación non se poidan mover fóra da Estación».

O tenente de alcalde do Concello, Luís Gudiña, argumentou que «nós trouxemos as festas do Aguillón para aquí, diso fai 14 anos». A pesar desa decisión, tomada tempo atrás, agora «a situación cambiou». Gudiña matizou que con anterioridade «tiñamos o dobre de espazo, agora as atraccións son moito máis grandes».
O sector hostaleiro foi «a segunda pata», así o define a alcaldesa. María G. Albert, anunciou que hoxe, 2 de xullo, «sairá unha carta deste Concello para todos os negocios de hostalaría da Rúa para que poidan participar en igualdade de condicións». Ao que engadiu: «Non o sinto como un agravio, síntoo como unha oportunidade». Polo tanto, ofertarase a posibilidade de colocar un posto entre o dous e o catro de agosto no Aguillón. Cabe recordar, que a zona recreativa acollerá «un total de 21 horas de fiestas», segundo explica Vicente Solarat, portavoz do R.U.A,
Recalcando o discurso de Albert, Solarat, achegou a súa propia experiencia coas «19 festas que fixen na Estación e sete no Aguillón. Non coñezo a ningún local que se arruinase entre o 2002 ata o 2008».
Os feirantes foron outro dos piares deste pleno. O portavoz popular explicou que: «Os feirantes non están de acordo con que se leven as festas alí abaixo, de feito ameazaron con que non ían asistir». Ante estas declaracións, Solarat amosouse sorprendido, xa que «no debemos aceptar una extorsión cuando el año pasado no han pagado un duro».